Uxía Casal: “Supoño que nos modernizamos e aceptamos, por fin, que a literatura non ten por que ser plúmbea”

Entrevista de Montse Dopico a Uxía Casal en Praza:
“(…) – Praza (P): Ao mesmo tempo, había xa, claro, unha tradición de relato de medo na nosa literatura, (penso en Ánxel Fole, por exemplo), e por suposto unha tradición oral do mesmo. De que maneira poden estar os teus relatos conectados con esa tradición oral? (Que non é só galega, claro, senón de todo o mundo). Algúns dos teus relatos son moi axeitados para ler en voz alta…
– Uxía Casal (UC): Ás veces sinto non responder ao estereotipo de escritora “galega” que bebeu desde o principio da literatura do país, pero non é o meu caso. Nacín en 1957 nunha casa na que había moitos libros e, daquela, poucos estaban escritos en galego; formeime como lectora cunha mestura curiosa: Enid Blyton, Malcom Saville, Tagore, Jules Verne, Hermann Hesse… En fin, ao principio os autores e autoras que, a medida que ía medrando, coidaban axeitados para min na casa.
Peteirei de aquí e acolá, case todo o que tiña ao alcance da man e o que fun escollendo eu co paso do tempo. Lin, iso si, moitísimos contos, desde os marabillosos ou de fadas ata os de autoría individual, e como, por riba, sempre me gustou ler en voz alta, cando me puxen a escribir busquei sempre a cadencia e o ritmo, que soase ben e harmónico, que tivese música. A literatura galega de medo coñecina bastante máis tarde. Algo influíu en min, claro, pero a semente xa estaba botada.
– P: Hai, nos 14 relatos deste libro [Saturno tamén é deus], medo, terror ás veces, angustia, desacougo… María Reimóndez comentou nunha crítica doutro libro teu, Vidas exemplares, que é na “normalidade do cotián” onde “o terror e a violencia amosan a súa cara máis sinistra”, exercida por persoas “normais”. Por que sitúas o terror, a violencia, precisamente no cotián, na “normalidade”? (Aínda que en Saturno si hai algún elemento de fantasía).
– UC: Houbo unha época na que accedín a relatos que se baseaban nese terror que partía do cotián, nese medo que xurdía do que en aparencia era seguro, pero que agachaba sorpresas inquietantes; quizais non haxa nada máis inquietante que iso que coidamos familiar se transforme en pavoroso dun momento para outro. Gustoume xogar con iso, se cadra porque é o que máis nos pode trastornar: perder a seguridade no familiar e cotián.
Tamén influíu, claro, a miña imaxinación ardente que me levou a experimentar episodios de auténtico pavor, cando era aínda unha adolescente, ao ocorrérseme ideas que lle daban a volta á realidade. Saturno contribuíu moito, moito, a que eu perdese os meus medos “irracionais”.
– P: Os relatos tecen, en Saturno, relacións entre si. É evidente no caso do primeiro e o último, nos que hai continuidade no personaxe. Mais logo pode haber nexos, por exemplo, entre o segundo -un home solitario e machista ao que acaba saíndolle unha muller de dentro-, e o 12º, no que unha muller maltratada loita, como pode, contra o seu maltratador. Es consciente destes nexos? Tiñas, na época, intención de denunciar a violencia machista e, en xeral, o machirulismo, ou é unha lectura que podemos facer máis ben desde a perspectiva de hoxe?
– UC: A relación entre o primeiro relato e o último está buscada, é evidente. Entre o segundo e o duodécimo, non. O segundo naceu dunha teima que tiña eu daquela: para min estaba claro que o feminino e o masculino eran as dúas caras dunha mesma moeda; supoño que escollín un home como protagonista porque me parecía que eran máis remisos a aceptar os aspectos femininos da súa propia psique.
Pareceume unha especie de vinganza poética que fose xusto a el –un home gris e convencional– ao que lle ocorre unha transformación que o leva, non só a aceptar os aspectos femininos dentro de si, senón tamén a desexalos para sentirse un ser humano completo. O duodécimo foi máis un desexo de querer xogar coa ambigüidade, de despistar o lector para facelo dubidar entre a realidade e a imaxinación. Creo que ese xogo non o conseguín moi ben, se cadra porque me deixei levar polo meu aborrecemento cara aos maltratadores.
Sobre a segunda parte da pregunta, hai trinta anos –cando eu comecei a escribir estes relatos– o mundo era, creo, máis machista ca agora, aínda que non se falase tanto do tema. Recoñezo que este é un tema do que non me gusta demasiado comentar, quizais porque teño moi presentes os machirulos cos que me topei –sen ser xa unha nena- e que teñen nomes coñecidos, ás veces valorados (mesmo idolatrados) por unha crítica da que chegas a pensar “pero, como?, como pode este ou aquel verlle valor a este libro escrito por A ou por B e que a min me parece mediocre?”, “como pode considerarse este autor marabilloso se non é máis ca un foguete de feira?”. Claro que é a miña visión e, polo tanto, única e intransferible. (…)”