Xograr de outono 2018 no FIOT: Manuel Lourenzo

Desde o FIOT de Carballo:
“O FIOT quere recoñecer a un referente do teatro en Galicia, o dramaturgo, director, actor, promotor teatral e formador de xeracións de actores, Manuel Lourenzo, unha das persoas imprescindibles para a creación do teatro galego, quen dedicou a súa vida a esta arte.
Licenciado polo Institut del Teatre de Barcelona, comezou a súa andadura teatral profesional nos anos 60, coa vontade de impulsar un teatro galego propio. Fundou compañías, escolas e proxectos teatrais transcendentais como o Grupo O Facho, o Teatro Circo que desembocará na Escola Dramática Galega, a Compañía Luís Seoane, o Clube Elsinor ou a escola, revista e actual compañía, Casahamlet. Escribiu preto de dous centenares de obras dramáticas breves e 60 publicadas. É tradutor, novelista e ensaista.
Actor en numerosas producións é moi valorado no sector audiovisual, destacando a interpretación de míticos personaxes da televisión ou longametraxes.
Na súa prolífica traxectoria recibiu numerosos premios: Abrente (1978), Nacional de Literatura Dramática (1997), Pedrón de Ouro (2001), Premio Nacional da Cultura Galega en Artes Escénicas (2008), Premio Álvaro Cunqueiro, o Maruxa Villanueva ou o Otero Pedrayo, entre outros. É tamén profesor Honoris Causa pola Escola S. de Arte Dramática de Galicia.
O acto de entrega do galardón desta edición está previsto para o domingo 21 de outubro, ás 20:30 horas, previo ao inicio da función. Este nomeamento honorífico do Festival Internacional Outono de Teatro recoñece unha persoa ou entidade que destaque pola súa traxectoria na promoción e desenvolvemento do teatro en Galicia. A elección do galardoado correspóndelle aos anteriores Xograres de Outono e á AC Telón e Aparte. “