Entrevista de Laura R. Cuba a Ana Romaní en Adiante.gal:
“(…) – Adiante (A): O espazo [Diario Cultural] tivo un compromiso social moi firme. Que imaxe da cultura galega se deu desde o programa? Hai risco de caer en estereotipos neste labor?
– Ana Romaní (AR): O risco do estereotipo, do lugar común e da conformación dun único discurso existe sempre e hai que estar sempre moi pendente de non caer niso. Creo que o contexto do Diario Cultural é moi relevante. É un espazo cultural nun medio público. Iso xa é un marco que obriga a respectar unha lei que di que cómpre unha defensa do idioma. Nós soubemos sempre que eramos un espazo de servizo público. Iso implica un discurso de pluralidade. Escasamente dogmático e sempre interrogante, interaccionante co que acontece. Falar desde ese lugar de servizo público é un trazo diferencial.
– A: Alén de traballar nun axente cultural versátil, tamén es académica. Este ámbito é frecuentemente sinalado polo inmobilismo cultural. Pode o teu ingreso supor un vento fresco desde dentro da institución?
– AR: Con respecto ao da academia, aínda non entrei. Efectivamente, xa teño un pé dentro. Foi unha decisión complicada e difícil. Xa o teño dito nalgunha ocasión, non son persoa de institucións. Son estruturas ás que non son moi dada. Vaia por diante, eu agradezo moito a consideración dos membros da Academia, mais resultoume difícil. Non obstante, ao mesmo tempo considero que as institucións culturais son necesarias. O país necesita de institucións culturais permeábeis que se fagan cargo das súas urxencias sociais e culturais. Nese sentido, iso comprométeme no senso en que todas e todos por activa e pasiva somos responsábeis de como se desenvolve o sistema. Descoñezo a institución por dentro, non sei como é, que dinámicas establece, como se traballa dentro, que se pode facer… Tentarei ser honesta comigo mesma. (…)
– A: Ao longo destes anos, pensas que este abandono da cuestión social acusouse moito na área de cultura?
– AR: Eu podo explicar o que vivín desde o Diario Cultural. Nós fixemos un exercicio de resistencia. O programa foi pasando por moitas épocas, foi reinventándose e reformulándose constantemente en función tamén dos recursos dos que dispuña. Estes foron reducíndose e minguando co paso dos anos. Ás veces é moi difícil desenvolver un traballo cultural cunha merma de espazo, medios e recursos. Nós desenvolvemos o traballo nesas circunstancias, e tamén é certo que cando hai que aplicar recortes por cuestións de orzamento, a cultura é dos primeiros sectores en se resentir. (…)
– A: Desde a organización do premio valoraron o teu compromiso social, que tamén se filtra a través do teu compromiso feminista. A cultura, a música e o propio xornalismo son territorios moi masculinizados.
– AR: Unha cousa é a participación das mulleres nos distintos ámbitos sociais, que é unha cuestión de xustiza social e equidade. Outra cuestión, a que me interesa, é o feminismo, que o concibo como un proxecto emancipador, de construción de futuro e de alternativa social. Interésame e alimento ilusionada e con expectativas os cambios que os feminismos e as feministas poidan introducir nos distintos ámbitos da vida. Iso é o que máis me interesa. Estamos nun sistema que ten uns mecanismos que funcionan dunha determinada maneira. Ten unhas normas, uns códigos no simbólico, no cotián… que é o sistema patriarcal que eu cuestiono. A min paréceme que é un sistema que se reactiva reformulado con outras aparencias constantemente. Eu creo que, nese senso, hai que estar moi vixiantes e moi atentas porque obviamente hai moitos avances, aí está o 8M do ano pasado, mais hai unha reactivación do sistema reformulado baixo outra aparencia mais que segue aí. Por exemplo, os asasinatos das mulleres é unha fenda social. Cada asasinato abre un abismo social que nos implica a todas e todos. É unha fenda na nosa liberdade e dignidade colectiva como sociedade. É un estado de agresión constante no que vivimos desde o simbólico e xa non só nas violencias e agresións. Estamos vivindo nunha especie de disfunción, porque por un lado temos os discursos de corrección mais por outro lado é un territorio de barbarie. (…)”