Ledicia Costas: “O que precisa a rapazada son lentes violeta”

Desde Brétemas, de Manuel Bragado:
“Recollo para arquivo o texto da conversa que mantiven con Ledicia Costas, publicada na revista Luzes 60. (…)
– Luzes (L): A literatura galega, até agora, foi eminentemente masculina, cando non abertamente misóxina?
– Ledicia Costas (LC): Foi así, pero iso está cambiando. Con todo, sei que hai persoas, mesmo do eido da crítica ás que lles custa aceptar que as mulleres teñen un papel decisivo na literatura galega actual. Non se entendería sen o que representamos as mulleres escritoras, sería unha visión parcial do sistema literario. Moitas persoas da crítica en Galicia deberían facer algo de autocrítica neste sentido e darlle unha volta aos seus prexuízos.
– L: Iniciativas recentes como a revista Criaturas ou a plataforma crítica A Sega están ofrecendo unha ollada feminista e ispen eses prexuízos.
– LC: É necesario poñer esta perspectiva machista en cuestión porque fai moito dano, un dano brutal tanto para as mulleres escritoras como para o conxunto do sistema literario, xa que están dando unha visión deturpada do seu funcionamento e do papel das mulleres na literatura e na sociedade.
– L: Outro dos teus temas que frecuentas é o da morte, o que pode parecer aínda máis relevante en obras dirixidas ao público infantil onde ate agora foi un tema tabú.
– LC: Con respecto ao tema de romper tabús para min foi algo importante. Ninguén nos prepara para a dor que provocan as rupturas sentimentais, a dor do desamor, nin para a dor que produce a morte. A dor da perda en ambos os dous casos. Esa cuestión é importante tratala na literatura. Iso era o que tiña na cabeza cando escribín Escarlatina, dende a irreverencia, dende o humor macabro que xa traballara Castelao de maneira brillante, un autor que descubrín cando estaba no instituto e me marcou. Como doutros autores que traballan o mundo do macabro como Bram Stoker, Drácula sempre foi un dos meus libros de cabeceira, que lin xa non lembro cantas veces.
– L: No humor asumes modulacións, xa que tamén empregas esoutro máis refinado, irónico presente n’ A señorita Bubble ou n’ As peripecias de Extravaganzza Pérez, tan ao xeito de Roald Dahl.
– LC: Dahl é outro dos meus autores e síntome super cómoda nese rexistro. Creo que a rapazada o percibe e aí é onde mellor consigo conectar con ela, a través do humor. É o rexistro que nos une, a Ledicia autora co lectorado. A través do humor podo falar de calquera cousa, até da morte. O humor é un vehículo creativo que me pode levar a abordar calquera tipo de tema.
– L: O traballo cos ilustradores, como Víctor Rivas, Andrés Meixide ou Óscar Vilán sempre foi moi valioso para ti?
– LC: Valiosísimo. Foi coma se eles me activasen algo na cabeza. Polo feito de ver apenas un bosquexo xa me abre ese lado creativo, dispárame a imaxinación. O traballo con eles, uns tipos hipercreativos, facilita multiplicar o valor dos textos. (…)”