“Longa vida á Literatura”, por Armando Requeixo

Desde Criticalia, de Armando Requeixo:
“(…) A nosa literatura tamén conta con casos notables de escritores lonxevos que tamén foron ben prolíficos. Entre os clásicos o exemplo máis salientable se cadra é de Eduardo Pondal, quen chegou aos oitenta e dous anos nunha altura en que o adoito era non ir máis alá da sesentena. Tanto é así que sobreviviu a Rosalía (a quen só levaba dous anos) por máis de tres décadas, morrendo dez anos despois de Curros que, curiosamente, era dezaseis máis novo ca el.
Tamén dacabalo entre o XIX e o XX chama a atención a vida longa de Ramón Cabanillas, oitenta e tres anos e un feixe de poemarios e varias pezas de teatro referenciais para a nosa literatura. Igualmente, velaí a Ramón Otero Pedrayo, oitenta e seis anos que o levaron dende Alfonso XIII ata a Transición e que deron para que fundase a narrativa galega moderna e sentase os alicerces do ensaísmo histórico actual, entre outras angueiras de valor.
Estrito coetáneo, cómpre lembrar o caso do non hai tanto ido Francisco Fernández del Riego, quen alcanzou os noventa e sete anos e deixou tras de si milleiros de páxinas, entre as que destacan diversas monografías e tamén historias e dicionarios de Literatura Galega.”