Mario Regueira: “Á literatura galega fáltalle un Estado propio”

Entrevista de María Obelleiro a Mario Regueira en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): É a vez primeira que se centra de cheo na literatura erótica.
– Mario Regueira (MR): Foi un tema que estivo sempre, de maneira transversal, en todas as miñas obras, mais nunca –e é algo que dixen o día da entrega– se me pasara pola cabeza facer unha cousa tan claramente orientada cara a iso nin poñelo tan no foco se non chega a ser pola proposta do premio.
– SG: Quen é Marco Livorno, título tamén da obra gañadora?
– MR: O título pode parecer moi estraño mais marca un nome propio de orixe italiana e Livorno é unha cidade italiana, cun clube de fútbol moi vinculado á esquerda política. É un personaxe fantasmal que chega a unha cidade que é Ferrol e alén de xogar pachangas de fútbol cunha camisola que ninguén recoñece inicialmente vai pasando polas camas de máis da metade do barrio. O poemario está construído desde a perspectiva da marcha dese personaxe, que é o centro dos recordos, das ilusións e das experiencias da maior parte da xente que o coñeceu. Dalgunha maneira, o personaxe reactiva unha cidade derrotada, un barrio periférico, a través da sexualidade, das ganas de vivir e da camaradería. (…)
– SG: Refírese ao proletariado e, precisamente, a súa obra ten unha perspectiva política e social moi marcada tanto na poesía como na narrativa. A que se debe?
– MR: Sempre tratei de non facer literatura comprometida ou social en sentido clásico, pero sempre quixen que as miñas orixes e a miña identidade estivesen presentes. Parte da miña realidade é esa e éo dunha forma moi intensa. Procedo dun barrio da periferia de Ferrol, dunha familia de varias xeracións de traballadores de estaleiros e é unha parte moi marcada da miña realidade. Considero que a clase obreira, o proletariado, segue a ser, por moito que pasase nas últimas décadas, a protagonista da historia con maiúsculas. As cousas interesantes, as realmente relevantes, sobre as que se pode escribir son aquelas que lle pasan á clase obreira, outra cousa é que non o sexa no sentido da novela social atada a un esquema moi prefixado, que era o que se facía antes. Tamén existe a experiencia persoal, por exemplo, en canto á sexualidade, que é algo que aparece no poemario.”