Entrevista a Suso de Toro en Adiante.gal:
“(…) – Adiante.gal (A): Cal o papel de Carvalho Calero na cultura galega?
– Suso de Toro (SdT): Habería que dicir “na cultura e na política”, pois para comprender a Carvalho é preciso coñecer as tendencias dentro do galeguismo despois da destrución e da quebra que fai a liña piñeirista. Non quero eu facer un xuízo moral, entendo que as diferenzas son por análises distintas e conviccións sinceras, mais Carvalho representaba unha continuidade coa xeración republicana en todos os ámbitos, mentres que Piñeiro, non. Mesmo no modo de entender a lingua galega, como parte do romance hispánico occidental, o galego portugués, no caso de Carvalho é como unha lingua subalterna falada no interior do territorio histórico e político do castelán. Debaixo das retesías ortográficas hai moito máis que unha disputa gramatical, hai unha comprensión da lingua e da Galiza mesma como unha nación en por si ou como parte da nación española. A súa argumentación de que a lingua galega ou é galego portugués ou galego castelán é impecábel e vai a misa. E cada día é máis evidente e cada vez é máis inxusta, cega e prexudicial para o galego a negación desa posición.
– A: Tivo contacto persoal con Carvalho Calero ?
– SdT: Eu non o coñecín. Por xeración tocaríame coñecelo se tivese estudado Filoloxía, que non foi o caso. Aínda así pode que non me tivese simpatizado a súa figura de señor profesor que podía resultar aristocrática, segundo teño entendido. Recoñezo que fun un mozo moi da miña xeración hipercrítica e desmitificadora e pode que aquel señor me resultase antipático. Visto hoxe coa distancia, alén dos trazos de carácter e de aspectos propios da cultura dos homes da súa xeración, paréceme unha figura importantísima que non foi recoñecida. Os seus estudos literarios son fundacionais e as súas elaboracións sobre a lingua acertadísimas. Rescatar para a sociedade a figura de Carvalho é rescatar o republicanismo galego e a mesma soberanía no pensamento da lingua, á marxe da escola filolóxica madrileña. Se os xenerais nacionalistas españois non tivesen triunfado a concepción da lingua, e loxicamente a súa escrita, sería moi semellante á defendida por Carvalho e non á defendida pola liña de Piñeiro. (…)
– A: Por que é tan pouco coñecido este home no seu país?
– SdT: Alén dos seus méritos cívicos como cidadán militante no republicanismo galego, no Seminario de Estudos Galegos e no Exército republicano, alén do seu paso polo cárcere e as dificultades para sobrevivir el e mais a súa familia, está o ser autor da primeira novela cabal editada en galego tras a guerra, A xente da Barreira, é cousa que se ignora deliberadamente na historiografía da nosa literatura. E o autor de Scórpio, unha novela moderna que conta a súa xeración e unha época. E como estudoso só pola súa Historia da Literatura Galega Contemporánea, que supera a que fixera anos antes Benito Varela Jácome, merece un lugar senlleiro. A súa figura e os seus méritos non son ben coñecidos nin valorados pola simple razón de que perdeu a guerra e tamén a posguerra. Non se adaptou ás novas regras do xogo. (…)”