Calidoscópico Carvalho, após trinta anos

Artigo de Irene Pin en Nós Diario:
Ricardo Carvalho Calero faleceu o domingo 25 de marzo de 1990. Por iso, como naquela altura -igual que acontece con esta cabeceira- nas segundas feiras non saían os xornais, as necrolóxicas non apareceron até a terza feira seguinte. Nelas, persoeiros como Carlos Casares, Constantino García ou Domingo García-Sabell loubaban a figura. Trinta anos despois do seu pasamento, Calero recupera a actualidade coa dedicación do Día das Letras Galegas.
“Carvalho Calero foi o maior e mellor polígrafo da súa xeración”, ditamina María Pilar García Negro, afirmación que cobra todo o sentido se analizamos as seis décadas de vida nas que o ferrolán combinou produción literaria e investigación científica, na estela dos que foran os seus mestres, como Ramón Otero Pedrayo. A segunda dimensión, que a investigadora trata en Ricardo Carvalho Calero. A ciencia ao servizo da nación, recentemente reeditado por Laiovento, arrincou sorprendentemente cedo, xa con colaboracións na época de estudante en publicacións como A Nosa Terra ou Nós.
A Guerra Civil sorprendeu Carvalho Calero en Madrid, que foi incorporado ao exército republicano como oficial, pasando por Valencia e Andalucía, onde sería detido e xulgado “por adhesión á rebelión” a 12 anos e un día de reclusión. En 1941 retornou a Ferrol coa obriga de se presentar ante á autoridade militar periodicamente.
Após o “terríbel hiato” e malia as difíciles condicións dos anos seguintes, retoma o seu labor “cunha fe enorme na existencia do pobo galego e na necesidade de continuar significando a súa cultura”, explica García Negro. Da recuperación da dedicación intelectual xorden múltiples artigos quer na Galiza quer na emigración, así como toda unha serie de resultados entre os que García Negro cita, por dar algúns exemplo, a súa tese de doutoramento, o discurso de ingreso na Real Academia Galega ou a preparación da obra completa de Ramón Cabanillas. Director do colexio Fingoy de Lugo desde 1950, traballa arreo para desenvolver unha experiencia pedagóxica no centro.
Calero publicou en Galaxia a Historia da Literatura Galega Contemporánea, o seu macroproxecto profesional, en 1963. Trátase dunha obra que “aínda non foi superada”, comenta Xoán Costa, bo coñecedor da traxectoria do ferrolán. Nela fixo un descomunal exercicio de síntese con absoluto rigor científico, incluíndo auténticos modelos de ensaio literario. Ademais, formulou a definición fundamental da propia literatura galega baixo o criterio básico de “escrita en galego”. Así, “Valle-Inclán ou Torrente Ballester non forman parte dela, por máis que sexan galegos de nacemento”, explica Costa.
A realización non estivo exenta de dificultades, pois as malas comunicacións da cidade de Lugo, onde residía, complicaron o proceso, o que se reflicte na correspondencia que mantiña con Fernández del Riego, o seu principal enlace con Galaxia naquela altura. O resultado serviría de base para a revisión que a Asociación Socio-Pedagóxica Galega desenvolveu en fascículos en colaboración con A Nosa Terra.
Após o paso por Lugo, en 1965 incorpórase como profesor de Lingua e Literatura Galegas na Universidade de Compostela. En combinación coa docencia, desenvolve estudos nos eidos lingüístico e literario. Desta época parte a Gramática Elemental del Gallego Común (1966), obra que tivo moito uso, como constatan as sete reedicións feitas até 1979. Esta foi fundamental á hora de estabelecer un “criterio normativo de mínimos”, que definiría o uso da ortografía galega. A pesar da constatación lingüística de que galego e portugués son un mesmo sistema lingüístico, “Carvalho foi utilizado como lanza”, di Costa, para separar as dúas posturas enfrontadas. Mentres as partidarias da norma oficial o acusarían de propiciar o afastamento, desde parte do movemento reintegracionista pretendían ir máis lonxe.
Aínda que as circunstancias o levaron a consagrarse á produción ensaística e investigadora, “Carvalho sempre se reivindicou como poeta”. Porén, é este aspecto da súa produción unha das súas facetas menos coñecidas. A comezos deste ano vía a luz Beleza, Verdade, un libro no que Pilar Pallarés recolle a poesía do que fora o seu mestre.
Non era a primeira vez que Pallarés escolmaba a obra poética de Carvalho Calero. Xa en 1992, por encarga da sociedade Valle-Inclán, editou o volume Fillo de Eva. Esta supuxo para ela “unha descuberta” desta cara máis descoñecida, mais que chegaría a admirar profundamente. Cando Antón Lopo lle encargou para Chan da Pólvora unha segunda antoloxía (aínda non por motivo das Letras Galegas), “parecíame difícil facer unha escolla diferente”, comenta.
Pero a distancia, a perspectiva dos anos, déixase ver nas decisións que se agochan tras este novo libro. Dunha banda, desde a posición creadora, optou agora por respectar os desexos do profesor, recollendo só o que na década dos 80 el mesmo editou. “Non son ninguén para seleccionar de maneira diferente a como o fixo el”, confesa Pallarés.
Doutra banda, fronte á primeira antoloxía, en Beleza, verdade “descubrín un Carvalho autor de poesía de carácter político”. Na primeira escolma, di Pallarés, “talvez pola xuventude, deixeime levar por liñas de fondo moi contundentes”. Así, fixo caso das definicións de Carvalho da súa propia poesía recollida en textos en prosa, como o publicado a respecto de Cunqueiro na revista Grial, ao que o propio título da antoloxía fai referencia na concepción dos “fillos de Eva” como “fillos da culpa”, produto do ser humano na sociedade occidental, fronte aos “fillos de Lilith”, anterior ao pecado orixinal e, polo tanto, alleo a el.
“Hoxe poríao en cuestión. Carvalho é un relativista”, explica Pallarés. Así, trata de reflectir a dimensión múltipla do poeta como ser humano: “Non existe unha única verdade. Carvalho é moitas cousas, é simultaneamente un fillo de Eva e un fillo de Lilith”.
A do ferrolán, “sendo unha poesía esteticamente moi diversa e heteroxénea, ten pouca relación formal” entre as distintas achegas. Desde a vangarda ao existencialismo, pasando polas abordaxes do mito ou a proximidade ao cotián, Calero móvese no poético coa mesma multidisciplinariedade que o distinguiu noutros eidos. Se nos últimos libros podemos atopar unha poesía “moi fermosa”, que chega se cadra “máis facilmente ao lector”, outras obras presentan un verso de carácter siloxístico, narrativo ou mesmo antipoético.
“É como se fose moitos autores”, resume Pallarés. Non obstante, desde a poesía da adolescencia de Vieiros (1931) até a edición póstuma de Reticências… (1986-1989) “hai unhas liñas de forza e visión da existencia que están sempre presentes”. É unha ollada de carácter reflexivo, cunha loita entre “lanzarse a vivir e o peso da razón e a culpa”, que define unha poesía “aparentemente estraña” no panorama galego, mais “perfectamente inserida nas correntes do século XX a nivel europeo”, do que o propio Calero se definía como “fillo perfecto”.
Os catro relatos de A xente da Barreira constitúen a primeira novela publicada en galego tras a posguerra, mais se cadra a súa obra en prosa máis celebrada é Scórpio (1987). Nela salienta a técnica, formulando unha personaxe protagonista que nunca aparece, senón que tanto ela como o contexto se presentan a través dos demais, nun relato que disecciona a sociedade dos primeiros anos da década dos 30.
Así mesmo, a súa vertente teatral foi pouco representada, en boa medida por mor da censura, reducindo a posibilidade de que obras como Farsa das zocas subisen ás táboas practicamente ao grupo de teatro do colexio Fingoi.
Na súa derradeira etapa vital desenvolveu unha actividade incesante, entre a que tamén destaca a divulgación en artigos en prensa diaria ou publicacións de asociacións culturais. “A súa produción cuantitativamente fecunda, mais dunha calidade incomparábel, non ten parangón”, afirma García Negro. E o que é máis importante: relida hoxe conserva o atractivo, cunha “erudición que demostra o entusiasmo e o afán por dignificar a lingua e transmitir sempre, a pesar das condicións tan desfavorábeis, a esperanza de que veremos rectificar a historia”.”

Suso de Toro: “Carvalho representaba unha continuidade coa xeración republicana en todos os ámbitos; Piñeiro non”

Entrevista a Suso de Toro en Adiante.gal:
“(…) – Adiante.gal (A): Cal o papel de Carvalho Calero na cultura galega?
– Suso de Toro (SdT): Habería que dicir “na cultura e na política”, pois para comprender a Carvalho é preciso coñecer as tendencias dentro do galeguismo despois da destrución e da quebra que fai a liña piñeirista. Non quero eu facer un xuízo moral, entendo que as diferenzas son por análises distintas e conviccións sinceras, mais Carvalho representaba unha continuidade coa xeración republicana en todos os ámbitos, mentres que Piñeiro, non. Mesmo no modo de entender a lingua galega, como parte do romance hispánico occidental, o galego portugués, no caso de Carvalho é como unha lingua subalterna falada no interior do territorio histórico e político do castelán. Debaixo das retesías ortográficas hai moito máis que unha disputa gramatical, hai unha comprensión da lingua e da Galiza mesma como unha nación en por si ou como parte da nación española. A súa argumentación de que a lingua galega ou é galego portugués ou galego castelán é impecábel e vai a misa. E cada día é máis evidente e cada vez é máis inxusta, cega e prexudicial para o galego a negación desa posición.
– A: Tivo contacto persoal con Carvalho Calero ?
– SdT: Eu non o coñecín. Por xeración tocaríame coñecelo se tivese estudado Filoloxía, que non foi o caso. Aínda así pode que non me tivese simpatizado a súa figura de señor profesor que podía resultar aristocrática, segundo teño entendido. Recoñezo que fun un mozo moi da miña xeración hipercrítica e desmitificadora e pode que aquel señor me resultase antipático. Visto hoxe coa distancia, alén dos trazos de carácter e de aspectos propios da cultura dos homes da súa xeración, paréceme unha figura importantísima que non foi recoñecida. Os seus estudos literarios son fundacionais e as súas elaboracións sobre a lingua acertadísimas. Rescatar para a sociedade a figura de Carvalho é rescatar o republicanismo galego e a mesma soberanía no pensamento da lingua, á marxe da escola filolóxica madrileña. Se os xenerais nacionalistas españois non tivesen triunfado a concepción da lingua, e loxicamente a súa escrita, sería moi semellante á defendida por Carvalho e non á defendida pola liña de Piñeiro. (…)
– A: Por que é tan pouco coñecido este home no seu país?
– SdT: Alén dos seus méritos cívicos como cidadán militante no republicanismo galego, no Seminario de Estudos Galegos e no Exército republicano, alén do seu paso polo cárcere e as dificultades para sobrevivir el e mais a súa familia, está o ser autor da primeira novela cabal editada en galego tras a guerra, A xente da Barreira, é cousa que se ignora deliberadamente na historiografía da nosa literatura. E o autor de Scórpio, unha novela moderna que conta a súa xeración e unha época. E como estudoso só pola súa Historia da Literatura Galega Contemporánea, que supera a que fixera anos antes Benito Varela Jácome, merece un lugar senlleiro. A súa figura e os seus méritos non son ben coñecidos nin valorados pola simple razón de que perdeu a guerra e tamén a posguerra. Non se adaptou ás novas regras do xogo. (…)”