Artigo de Héctor J. Porto en La Voz de Galicia:
“«Nace un dramaturgo para a escena e para a literatura galega. A hipérbole deixa de o ser», pregoa María Pilar García Negro nos comezos do seu prólogo á coidada edición da Obra teatral de Manuel María (Outeiro de Rei, 1929-A Coruña, 2004) que preparou para a súa publicación pola fundación que -dende a súa sede na casa-museo de Outeiro de Rei- custodia e pon en valor a figura do autor chairego. Pese a esta celebración, non hai unha chisca de sorpresa na faciana da profesora e escritora luguesa, que lembraba hai uns días como a fins da década dos anos setenta ela mesma promoveu a representación de O auto transcendental da escola tradicional (1976) coas súas alumnas no instituto coruñés Eusebio da Guarda. Xa daquela tiña clara a importancia da dramaturxia de Manuel María, e deseguido percibiu o papel basilar que xoga no teatro contemporáneo galego. (…)
Xa entón, no 2005, lle bulía a García Negro unha idea na cabeza. Ela nunca dimitiu da súa admiración por Manuel María, pero tampouco topaba tempo para dedicarlle ao arduo labor de poñer en limpo a súa obra teatral. «Non só era a revisión e confronto das diversas versións ou a recuperación de textos que faltaban, tamén estaba vixiar a homologación gráfica que el mesmo fixou e deixou disposta para a súa poesía. Era un traballo moi laborioso», subliña. Ata que o curso pasado decidiu interromper outros asuntos para poñerse en serio co proxecto de edición. Non era pouca cousa. Sabía que pasaban de trinta pezas e só unhas poucas foran editadas en libro, algunhas apareceran en xornais (como La Voz de Galicia) ou en revistas e suplementos literarios; e moitas permanecían totalmente inéditas, aínda que unha parte delas si chegaran ás táboas.
O máis fascinante do seu estudo foi verificar a súa grande diversidade, tanto no formato ou na temática como no estilo. E ademais ratificou que non se trataba dun empeño temporal, efémero: a súa dedicación teatral foi continua ao longo da súa vida, como demostran as datacións desde o seu primeiro texto, Auto do taberneiro (1957), ata o derradeiro, Auto do alugado ou O encanto de Raboces (2001). «Son cando menos 44 anos de traballo -di a profesora-. Cando me puxen á tarefa, na relectura de toda a obra, advertín que estaba ante a produción dun escritor experto. Mostraba un dominio dos recursos escénicos, da dramaturxia, da técnica, e un notábel abano de rexistros. Isto non era froito de quen está pensando nunha diversión, nun pasatempo, de alguén que está construíndo algo para entreter», incide. (…)”