Anna R. Figueiredo: “Creo nunha literatura que teña certo input social e que tamén supoña un reto”

Entrevista de Montse Dopico a Anna R. Figueiredo en Praza:
“Olivia non estudou para emigrar. Pero ten que facelo, coma tantas persoas da súa xeración. No medio do seu proceso de adaptación, de reconstrución da súa identidade -e de choque coas súas propias expectativas sobre o país de acollida- dá por casualidade cun adolescente que lle vai mudar, dalgunha maneira, a vida. Nun contexto no que nada é o que parece. Todo é simulacro. Aparencia. Así é -ou polo menos así comeza- Os bicos feridos (Galaxia), de Anna Figueiredo. Falamos con ela.
– Praza: Unha rapaza emigra a Londres para traballar de au pair porque aquí non atopa saída ningunha. É o primeiro que nos conta a novela. Foi deste personaxe do que xurdiu a historia? Como naceu esta novela?
– Anna R. Figueiredo: Si, é certo que a primeira impresión da novela, a primeira narración, sae de Olivia, que efectivamente é unha persoa galega que precisa aprender inglés e seguir formándose, para poder atopar unha saída a unha situación laboral precaria, mais a novela en si parte da historia de Samuel que, tamén por alusións, aparece no prólogo. Os bicos feridos, como conxunto, xorde da necesitade de falar e reflexionar sobre diversas realidades que eu creo que nos son moi próximas pero que pasamos por riba delas.
Por unha banda a necesidade de sentirnos parte dun todo, dunha sociedade, a mentira de pertenza que se xera ao suplir as relacións que poderiamos chamar “de calidade” por todos estes nexos tan doados de levar a cabo como son as “amizades” das redes sociais, o contacto virtual, esa escravitude que temos a través do aparello móbil que nos leva a miralo case con necesidade aditiva na procura dun novo chío, dunha nova mensaxe de whatsapp, dun novo like, incluso cando estamos xantando, viaxando, cruzando polos pasos de peóns.
Imbuídos nesa realidade virtual, dicimos cousas como “arden as redes” e creamos, somos quen de crear, un mundo no que no fondo somos o centro, escollemos o tipo de novas que nos chegan, bloqueamos a quen non nos interesa e sentímonos acompañados malia estar, moitas veces, entre catro paredes e ignorando as voces que si que están ao noso carón. A vantaxe da tecnoloxía para comunicación é innegable, mais coido que en moitas ocasións, tendemos ao abuso.
Por iso me interesaba contar unha historia de xente un tanto outsider pero que tivese puntos en común con calquera de nós. Todos temos algunha experiencia coa emigración, pode ser propia, pode ser dun achegado. Todas temos algunha experiencia de xente sobrecualificada que non atopa traballo. De relacións de familia e de parella que parecen unha cousa e son outra. E ademais no lugar, no país onde vivimos, dinnos que a emigración é unha aventura, é unha especie de chanzo a maiores para poder realizarnos como persoas, tentando dese xeito paliar a responsabilidade dun país no que non podemos realizarnos como persoas, ou como a persoa laboral que quereriamos ser, por outras razóns. (…)”