Hai quen escolle os camiños máis longos, por Emma Pedreira

Artigo de Emma Pedreira na Plataforma de Crítica Literaria A Sega:
Paula Carballeira non é a primeira autora que lles dá unha volta aos denominados contos de fadas tradicionais, toda esa materia feita para alertar crianzas, inocularlles ás rapazas o amor romántico, o medo e preparalas para ser procesadas como produtos cárnicos e estéticos pola Factoría Disney. Antes de Carballeira foron Angela Carter, Anne Sexton, Margaret Atwood, Sara Henderson-Hay, Tanith Lee e, na nosa propia tradición Marilar Aleixandre, Eli Ríos, Carmen Blanco e mesmo unha servidora. O tema dá para moito pero tamén son moitos os anos de reclusión no estereotipo e, a cada terremoto, dez ou doce réplicas haberán de seguilo. Eis que aínda non cubrimos nin unha terza parte dos danos e perdas que produciu (e segue producindo) tal estropicio. Mais este libro, en apariencia sinxelo, non é unha réplica máis senón que ten vontade sísmica de seu.
Paula Carballeira (Maniños, 1972) é autora dunha amplísima obra literaria que recolle poemarios, libros de contos, novelas LIX así como un amplísimo percorrido na oralidade, polo que entendemos que está afeita a rescatar as personaxes da tradición fundacional e reprantexalas no noso imaxinario.
Esta achega que nos fai en Hai quen escolle os camiños máis longos ten un algo dese rescate, de labor de limpeza da pátina de riquiñismo falsario daqueles contos dos Irmáns Grimm ou de Perrault que resultaron tan válidos ao patriarcado para facernos ás nenas de moitas xeracións medoñentas e ben comportadiñas. Carballeira sabe do que escribe xa que durante anos andou á procura dun voz propia para cada obxecto e figura; xa foron as casas, as –nunca– mascotas, os lobishomes, o mortos vivintes, todo ser vivo ou inanimado ten pasado polos seus dedos e boca convertidos nun algo persoal e único unha vez filtrado pola súa maxia. (…)”