Compostela: presentación de Hai quen escolle os camiños máis longos, de Paula Carballeira

O 25 de maio en Compostela, Paula Carballeira presenta Hai quen escolle os camiños máis longos, publicado por Positivas, co seguinte itinerario e disposición horaria:
– 19:00 h. Encontro en Edicións Positivas (Rúa das Carretas, 18)
– 19:30 h. Saída cara á Finca do Espiño pola Rúa das Hortas.
– 19:45 h. Parada nas Hortas Municipais que hai tras de Raxoi.
– 20:00 h. Parada no CEIP Raíña Fabiola (obra do arquitecto italiano Giorgio Grassi).
– 20:15 h. Entrada na Finca do Espiño. Breve explicación histórica.
– 20:30 h. Presentación de Hai quen escolle os camiños máis longos. Interveñen a autora, Paula Carballeira, e o editor, Francisco Macías. Venda e sinatura de libros. Coa compra dun libro poderanse coller as plantas de Tomate Negro de Santiago que un queira.

Hai quen escolle os camiños máis longos, por Emma Pedreira

Artigo de Emma Pedreira na Plataforma de Crítica Literaria A Sega:
Paula Carballeira non é a primeira autora que lles dá unha volta aos denominados contos de fadas tradicionais, toda esa materia feita para alertar crianzas, inocularlles ás rapazas o amor romántico, o medo e preparalas para ser procesadas como produtos cárnicos e estéticos pola Factoría Disney. Antes de Carballeira foron Angela Carter, Anne Sexton, Margaret Atwood, Sara Henderson-Hay, Tanith Lee e, na nosa propia tradición Marilar Aleixandre, Eli Ríos, Carmen Blanco e mesmo unha servidora. O tema dá para moito pero tamén son moitos os anos de reclusión no estereotipo e, a cada terremoto, dez ou doce réplicas haberán de seguilo. Eis que aínda non cubrimos nin unha terza parte dos danos e perdas que produciu (e segue producindo) tal estropicio. Mais este libro, en apariencia sinxelo, non é unha réplica máis senón que ten vontade sísmica de seu.
Paula Carballeira (Maniños, 1972) é autora dunha amplísima obra literaria que recolle poemarios, libros de contos, novelas LIX así como un amplísimo percorrido na oralidade, polo que entendemos que está afeita a rescatar as personaxes da tradición fundacional e reprantexalas no noso imaxinario.
Esta achega que nos fai en Hai quen escolle os camiños máis longos ten un algo dese rescate, de labor de limpeza da pátina de riquiñismo falsario daqueles contos dos Irmáns Grimm ou de Perrault que resultaron tan válidos ao patriarcado para facernos ás nenas de moitas xeracións medoñentas e ben comportadiñas. Carballeira sabe do que escribe xa que durante anos andou á procura dun voz propia para cada obxecto e figura; xa foron as casas, as –nunca– mascotas, os lobishomes, o mortos vivintes, todo ser vivo ou inanimado ten pasado polos seus dedos e boca convertidos nun algo persoal e único unha vez filtrado pola súa maxia. (…)”

Paula Carballeira: “Quixen darlles voz aos personaxes dos contos, aos que normalmente non escoitamos”

Entrevista de Montse Dopico a Paula Carballeira en Praza:
“(…) – Praza (P): Hai quen escolle os camiños máis longos revisa contos clásicos universais. Ou non sei se chamarlles tradicionais… Non es a primeira persoa que fai isto pero, como xorde este libro?
– Paula Carballeira (PC): Pois a verdade é que a primeira idea que xurdiu foi a do bosque. E si, podemos chamarlles contos tradicionais porque son contos da tradición indoeuropea. Son tradición no sentido de que son transmitidos tradicionalmente por distintas culturas. Non son só contos europeos. Están baseados en estereotipos, personaxes que simbolizan unha serie de aspectos: a nena que se perde no bosque, a nena que queda durmida moitos anos, a que se refuxia no bosque… Os mesmos estereotipos repítense en moitos lugares.
O que eu quixen foi partir do punto de vista do personaxe, e non da voz narradora, que é a que nos conta normalmente os contos. E facer isto permíteme reflexionar sobre unha serie de cuestións, coma os papeis femininos nos contos. Trátase, así, de darlle voz no conto aos personaxes aos que normalmente non escoitamos: a voz do lobo, a voz da bruxa…
– P: O título do libro está explicado ao principio: os nenos e nenas prefiren o camiño longo, e non o curto, o atallo que buscan os adultos para non “perder o tempo”. Ao final do libro tamén se di que o camiño longo implica, ás veces, perigos. Pero tamén liberdade. Vida, supoño. Que ten que ver todo isto coa idea do bosque?
– PC: A idea do bosque é, entre outras cousas, unha maneira de reivindicar a liberdade de escoller. Dinnos que se vamos por certos sitios estamos a meternos no perigo, e o que eu reivindico é a liberdade de escoller, de dispoñer do noso espazo, do noso tempo… Ademais, o bosque representa tamén os lugares aos que non prestamos moita atención ata que, por exemplo, se incendian. O bosque pode representar moitas cousas: o perigo, pero tamén o refuxio, a propia natureza…
Despois, en cada parte do libro, o bosque simboliza algo distinto. En ‘O da nena coa carapuchiña vermella’ o bosque é o camiño, e o que lle importa á nena é o camiño e non tanto chegar ao seu destino. En ‘O da nena de pel branca coma a neve’ (Brancaneves) o bosque é refuxio, e en ‘O da nena que durmiu 100 anos’ é protección. En ‘O da nena que atopou a bruxa da casa de chocolate’ (Hänsel e Gretel) o bosque é a casa da bruxa. E neste libro teñen bastante presenza as bruxas, mulleres conectadas coa natureza, co pasado e coa sabedoría… (…)”