Ana Cabaleiro: “Pertenzo a unha xeración que medrou pensando que no rural só quedaba quen non valía para outra cousa”

Entrevista de Montse Dopico a Ana Cabaleiro en Praza:
“(…) – Praza (P): A personaxe principal do libro [As ramonas], Mona, é da mesma parroquia ca ti. Algo debe ter a novela de homenaxe á túa aldea. É así? En que sentido?
– Ana Cabaleiro (AC): Ten moito de homenaxe á miña aldea, mais para min tamén ten moito de homenaxe aos lugares comúns, aos lugares que nos son propios, que nos identifican cultural e socialmente, e que no noso país son maioritariamente rurais. Ao mesmo tempo, tamén ten un aquel de reivindicación, de chamar a atención sobre unha febleza que eu aprecio na literatura e que ten que ver co marco que se escolle para situar as historias, no que predomina o urbano ou os lugares indefinidos, sen nome propio.
Olladas que, a priori, non teñen nada de malo, pero que para min son olladas e marcos moi limitantes, moi uniformes, que prescinden dos factores diferenciadores de noso. Eu o que pretendo é precisamente o contrario, poñer en valor a diferenza, o propio, os elementos de noso que temos na contorna máis inmediata. (…)
– P: É unha novela curta, construída con capítulos curtos e áxiles… Nese sentido, pode ser tamén herdeira do teu libro de relatos Sapos e sereas. Cal é a relación entre estes dous libros?
– AC: Os capítulos de As ramonas teñen, de forma consciente, estrutura de relato. A historia da novela vaise fiando a través de viaxes en sucesivos vehículos e cada capítulo corresponde cun traxecto en coche, polo que son case unidades pechadas en si mesmas.
A relación neste sentido é evidente. Eu adoro o relato como formato literario que, ademais, ten unha gran tradición na nosa literatura escrita e tamén na cultura oral popular e que agora, co tipo de lectura fragmentada que propician os móbiles e os aparellos tecnolóxicos, ten tamén unha relación directa cos novos modos de recepción de contidos. Todo o que levo escrito ao longo da miña vida –non me refiro só ao publicado- ten estrutura de relato ou moi próxima ao relato. Non sei se chegarei a escribir nun formato diferente pero, de momento, creo que aínda me queda moito por explorar no formato curto. (…)
– P: En relación co anterior, Mona non é de casa ben, coma o grande artista, Antonio. Na novela está presente a falsidade do mundo da arte (o simulacro, a estupidez), mais conectada coa desigualdade, coa diferenza entre clases sociais. Por que?
– AC: En relación ao mundo da arte, e máis concretamente da arte contemporánea, intentei en todo momento humanizala, facela accesible, quitarlle a aura de ámbito reservado só para “persoas entendidas”. Non me gusta, a nivel persoal, que se fale da arte contemporánea con desprezo, paréceme unha forma de ignorancia flagrante. Si é certo que a posición social de Mona é determinante na percepción que ten de si mesma e, polo tanto, tamén na súa conduta e na súa toma de decisións.
Eu non acredito en que a fronteira entre clases sociais estea diluída, pola contra penso que está máis presente ca nunca. Os estudos, o nivel económico, e o patrimonio material permiten avanzar socialmente pero, a determinado nivel, a fronteira é insalvable. E agora coa crise, a brecha social é unha gran falla tectónica, ben visible, xa non hai maneira de facer como que non existe. (…)”