Morre Arturo Lezcano, xornalista durante máis de medio século

Desde Praza:
“O xornalista Arturo Lezcano Fernández, Ruco, faleceu este xoves na Coruña aos 79 anos de idade. Nacido en Ourense en 1939, publicou os seus primeiros textos en prensa xa aos 16 anos, e comezou a súa carreira profesional en La Región. Trasladouse despois a Ferrol, onde foi redactor xefe e logo director de Ferrol Diario. Finalmente, traballou a partir dos primeiros anos oitenta en La Voz de Galicia, onde chegou a ser redactor xefe, converténdose ademais no primeiro Amigo do Lector cando o xornal creou esta figura.
Xubilouse no ano 2003, aínda que nos anos seguintes seguiu escribindo artigos de opinión de forma habitual. Foi Premio de Xornalismo de Galicia en 1987 e Premio Julio Camba en 1991. Escribiu varias obras de narrativa: Os dados de Deus ou Só os mortos soterran seus mortos, e tamén de ensaio, como Risco segundo Risco.
Foi tamén un home de cultura e amante do cinema. Foi un dos cofundadores do Cine Club Miño na cidade de Ourense na década dos 50 e do Cine Club Zoom en Ferrol. Neses anos mantivo tamén unha estreita relación con Antón Risco, do que foi amigo, aínda que tamén asistía con frecuencia aos faladoiros de Vicente Risco. De feito, foi durante moitos anos vicepresidente da Fundación que leva o nome do intelectual ourensán.
Este venres Luís Martínez-Risco Daviña, actual presidente da Fundación Vicente Risco, sinalaba que Lezcano tivo “un papel fundamental” na constitución da entidade. “Nunca quixo que fora un laudatio de Vicente e Antón Risco. Todo o contrario. Queria que se convertera nun referente de pensamento que continuara o labor que, desde antes da década do 1920, iniciara don Vicente, actualizando o seu discurso, mais sen perder nunca a vocación universal de Galiza”, escribe.
La Región defíneo como “xornalista de raza” e La Voz de Galicia destaca a súa “vocación temperá”. Tamén o Colexio de Xornalistas destaca este venres o “pesar” e a “tristura” cos que a profesión recibiu a nova do falecemento de Arturo Lezcano, ao que hoxe despiden necrolóxicas encabezadas por unha frase do propio Risco: “non se pode coñecer o descoñecido a través do coñecido”.
O seu corpo está a ser velado no tanatorio coruñés Servisa, onde este sábado ao mediodía se celebrará unha misa. Será soterrado no cemiterio de Feáns.”