Desde El Progreso:
“Sendo nova un mozo preguntou a Luz se ía querelo “para sempre”. Ela botouse para atrás. Estaba asustada imaxinando anos e anos formando unha ringleira sen final no horizonte. Pero tamén estaba namorada. “Para sempre? Prefiro entregarche a miña alma”. Foi unha forma lírica e menos comprometida de prolongar o seu amor ata a eternidade.
Dende aquela, Luz Pozo Garza (Ribadeo, 1922) atravesou océanos de tempo. Tanto no seu corazón, que acolle 96 anos, como a través da súa estirpe materna, que se fixo patente no século XIV coa construción do pazo de Tor. Vén de dedicarlle un poemario, Pazo de Tor (Alvarellos), a ese palacio monfortino.
O tempo parece unha abundancia para Luz Pozo, pero non tivo ocasión de visitalo ata hai oito anos. “Estaba dando clase, non podía collerme uns días”. Cando o coñeceu valorou que “estaba moi ben porque había pouco que marchara a familia que o habitaba. Quedaban uns restos da torre da homenaxe. Estaba cuberto dun verdor que eu recordo como beleza”. A memoria pode quitar brillo mesmo á decadencia máis miserable. O pazo foi rehabilitado pola Deputación de Lugo.
“A miña nai foi a última descendente”, asegura a escritora. A nai era Luz Garza Feijoo, de quen Dolores Elvira Pozo Garza colleu o nome para dedicarlle libros. Un antepasado materno da autora era medio irmán do Padre Feijoo. “O seu pai recoñeceuno, pero despois casou cunha señora importante e tivo esoutro fillo”.
A nai deulle a liñaxe e a poesía. “Escribía poemas. Gustáballe lérnolos”. Tamén lle deu o mundo. “Era de Allariz. Os seus pais morreron cando era unha nena. Estudou en colexios de elite de Alemaña, Bélxica e Estados Unidos”. Notábaselle na presenza e nos idiomas falados. (…)”