Arteixo e Ponteareas acollen esta fin de semana #camiños, de ButacaZero en coprodución co CDG

Rematada a xira de Voaxa e Carmín, ButacaZero, non para. Catro meses despois de estrear Na butaca [fantasía nº3 en Dor Maior], chegou aos teatros #camiños, unha peza de teatro físico, poético e moi político que pecha unha triloxía sobre a memoria e que chega agora a Arteixo e Ponteareas. En Arteixo a cita será o venres 22 de febreiro ás 20:45, no CCC de Arteixo. En Ponteareas, o sábado 23, comezará ás 20:30 no Audiotiro Reveriano Soutullo.
A nova peza da compañía vén avalada ademais polo Centro Dramático Galego, que coproduce a obra. Foi precisamente no Salón Teatro onde veñen de estar durante dúas semanas de residencia técnica no mes de xaneiro, cando se estreou a obra, o pasado 25 de xaneiro de 2018. Para este 2019 a xira contempla, entre outras, as paradas en Arteixo, Ponteareas, Lalín, Barco de Valdeorras, Vilagarcía de Arousa ou Tomiño.
A OBRA
Con Voaxa e Carmín, Carrodeguas quixo abordar a memoria histórica. Con Na butaca, a memoria individual. E desta vez, trátase de levar a escena a memoria do noso pobo: o galego. #camiños nace dunha investigación sobre a multitude de aldeas abandonadas que, cada día máis e máis, enchen a nosa terra. E percorrendo eses camiños na procura de lugares deshabitados, Carrodeguas e Castiñeira foron tecendo unha peza que nos leva, precisamente, de camiño a nós mesmos, ao que somos e ao que desexamos ser, ao que fomos un día e ao que un día, podemos chegar a ser. Quen somos os galegos do século XXI? Como nos colocamos no mundo nós, que levamos sempre o móbil pegado á man e vivimos nun mundo globalizado? Que queda dos e das nosas devanceiras dentro da nosa sociedade. Para tecer este mapa, ButacaZero bota man de todos os rexistros escénicos necesarios: coreografías, teatro físico, bufón, música, playback, pasarela, audiovisuais. Unha peza imbuída por un espírito millenial, que, ao igual que as redes sociais nas que adoitamos gastar o noso tempo, é un collage ecléctico que tenta explicar o noso mundo. Un aluvión escénico que pretende non deixar a ninguén indiferente. Unha festa teatral na que celebrármonos pero tamén, reflexionármonos.
AS CHURRASCAS
“aDiosRíos_aDiosFontes”, é o título do primeiro “hit” d’As Churrascas -grupo musical nacido para a peza teatral e composto polas cinco actrices- e no que cantan (e bailan), a Rosalía de Castro, sobre base electrónica, masterizada por Diego Barreiro (Producciones Bo Peixe). O videoclip nace para dar visibilidade á proposta teatral e como resulta evidente, é unha nova versión, neste caso electrónica, do coñecido poema de Rosalía de Castro “Adiós ríos, adiós fontes”. Tanto o single como a coreografía formarán parte da proposta teatral, xunto con outras dúas pezas que se poderán escoitar (e disfrutar) durante o espectáculo en rigoroso playback. O videoclip, grabado en diversas localizacións entre as cales o monte queimado de Chandebrito ou o encoro seco de Eiras, veu realizado por Fran X. Rodriguez (I do Visual), quen levou o Mestre Mateo o pasado ano, precisamente, polo videoclip “Restos de un naugfragio” de Igloo. (…)”