Yolanda Castaño crea a Residencia Literaria 1863

“Situada na emblemática rúa coruñesa Rego de Auga, a poucos pasos de onde naceran a Real Academia Galega e as Irmandades da Fala, eríxese o histórico edificio de 1863 que alberga o novo e meirande proxecto da poeta e xestora cultural Yolanda Castaño.
Logo de 25 anos dedicados profesionalmente á creación, divulgación e xestión cultural no eido da poesía, Castaño afronta na súa iniciativa máis ambiciosa, que promove a produción de escrita creativa e a internacionalización da literatura galega.
Do ano en que se publican os Cantares Gallegos de Rosalía e se dá inicio ao Rexurdimento Literario datan os muros de pedra dun espazo que se enfoca por enteiro ao traballo creativo. Nunha vía histórica do corazón da cidade, fronte á Biblioteca Provincial e con vistas á dársena Coruñesa, a Residencia Literaria combinará as doses necesarias de sosego e estímulo para avivar a inspiración.
A Residencia Literaria 1863 establecerá convenios e colaboración con entidades estranxeiras dedicadas á promoción das letras que se resolverán en bolsas de creación en residencia dun mes de duración. Así, escritores e escritoras de todo o mundo profundarán no seu traballo literario mentras se integran na vida cultural coruñesa, lonxe das distraccións e obrigas da rutina cotiá.
Un dos nomes máis importantes das letras mundiais, Premio Nacional do seu país, figura histórica da literatura de ámbito hispanoamericano, será o primeiro residente deste novo espazo coruñés. En moi próximas datas desenvolveremos a primeira das accións con este admirado persoeiro.
Sendo Castaño a autora galega que acumula máis bolsas en residencia (en países como China, Alemaña, Grecia ou Escocia), xunto á súa experiencia como autora convidada en máis de 30 países distintos, trae agora para o panorama literario galego as vías de exportación da excelencia literaria.
Ante a falta de circuítos e as eivas históricas existentes na política cultural en materia de proxección exterior –nomeadamente, da nosa escrita– esta iniciativa abre novos e crecentes horizontes dende a militancia sensible de quen sabe o que é abrirse paso no oficio literario procurando a súa dignificación.
Un proxecto pioneiro e sen parangón na nosa contorna, que promove a divulgación, a profesionalización e a internacionalización da literatura galega.”