Contraproducións e CDG estrean no Salón Teatro a comedia A compañeira de piso con Rebeca Montero e Patricia Vázquez

Desde Agadic:
“A compañía galega Contraproducións e o Centro Dramático Galego (CDG) estrean este xoves 28 no Salón Teatro de Santiago o espectáculo A compañeira de piso, desenvolvido co apoio da Xunta ao abeiro do programa de coproducións da compañía pública. As actrices Rebeca Montero e Patricia Vázquez poñen en escena a adaptación desta comedia da norteamericana Jen Silverman sobre dúas mulleres maduras que, con situacións contrapostas, se enfrontan a un importante cambio vital.
Cándido Pazó e Belén Pichel dirixen esta proposta, que ultiman estes días co resto do seu equipo e co apoio técnico do CDG no Salón Teatro, onde poderá verse do xoves 28 de febreiro ao sábado 2 de marzo, ás 20,30 h., e o domingo 3, ás 18,00 h. Esta residencia artística previa á estrea é un dos eixos do devandito programa de coproducións, que implica tamén o apoio económico a esta montaxe por parte da unidade teatral da Consellería de Cultura e Turismo.
Tanto Belén Pichel como as dúas actrices protagonistas participaron hoxe na presentación aos medios do espectáculo, na que tamén interviñeron o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, e a directora do Centro Dramático Galego, Fefa Noia.
Textos protagonizados por mulleres maduras
Coa elección deste título, co que Jen Silverman gañou popularidade no seu país a raíz da súa representación no Humana Festival of New American Plays de 2015, Contraproducións aborda tamén a necesidade de levar a escena textos protagonizadas por mulleres de máis de 50 anos, ao tempo que segue a senda emprendida coa súa montaxe Nacidas libres.
Neste caso, A compañeira de piso conta dun xeito áxil, ao tempo que profundo, a historia de Sharon e Robyn, ambientada no rural de Iowa. A primeira delas, unha ama de casa madura e recentemente divorciada, publica un anuncio para compartir a súa casa. A el responde Robyn que, cun perfil contrasposto ao da súa caseira (lesbiana, vegana, urbanita…), está a buscar un refuxio no que se agochar e cambiar de rumbo.
Este cruce de vidas, máis semellantes do que parecería atendendo ás evidentes diferenzas, pon en cuestión os roles sociais e os patróns adquiridos, ademais de propoñer unha reflexión sobre a liberdade de escoller o propio destino. Cóntase para isto coa solvencia interpretativa de Rebeca Montero e Patrica Vázquez, dous recoñecidos nomes da nosa escena.
Música orixinal
O guitarrista e compositor Guillerme Fernández, membro fundador de Berrogüetto e integrante de numerosos proxectos musicais, asina a música orixinal de A compañeira de piso. Tamén se implicaron nesta montaxe Carlos Alonso no deseño da escenografía e o vestiario, Afonso Castro na iluminación, Xosé Barato na voz en off e Lilian Portela como axudante de dirección, na produción executiva e na adaptación.
Gran parte deste equipo participará no encontro co público que terá lugar este xoves, inmediatamente despois da función de estrea, para a que a entrada é por convite.
Para o resto das representacións, a venda anticipada de localidades está xa operativa a través do web entradas.abanca.com e do teléfono 902 434 443 a un prezo de 10 euros, cos descontos habituais, de venres a sábado; e de 5 euros o domingo, en tarifa única do día do espectador. No despacho de billetes do Salón Teatro, poderán adquirirse desde dúas horas antes do comezo das representacións.
Esta é a segunda das cinco coproducións previstas polo Centro Dramático Galego para este ano 2019. Así, tras a presentación o pasado mes de xaneiro de Doppelgänger, con Berrobambán e a compañía colombiana El Arca de N.O.E., e a estrea de A compañeira de piso, as seguintes propostas en ver a luz ao abeiro deste programa do CDG serán Invisibles, de Redrum Teatro; Soma, de Javier Martín; e Se fosen turistas levarían gafas de sol, de Limiar Teatro”