Contraproducións e CDG estrean no Salón Teatro a comedia A compañeira de piso con Rebeca Montero e Patricia Vázquez

Desde Agadic:
“A compañía galega Contraproducións e o Centro Dramático Galego (CDG) estrean este xoves 28 no Salón Teatro de Santiago o espectáculo A compañeira de piso, desenvolvido co apoio da Xunta ao abeiro do programa de coproducións da compañía pública. As actrices Rebeca Montero e Patricia Vázquez poñen en escena a adaptación desta comedia da norteamericana Jen Silverman sobre dúas mulleres maduras que, con situacións contrapostas, se enfrontan a un importante cambio vital.
Cándido Pazó e Belén Pichel dirixen esta proposta, que ultiman estes días co resto do seu equipo e co apoio técnico do CDG no Salón Teatro, onde poderá verse do xoves 28 de febreiro ao sábado 2 de marzo, ás 20,30 h., e o domingo 3, ás 18,00 h. Esta residencia artística previa á estrea é un dos eixos do devandito programa de coproducións, que implica tamén o apoio económico a esta montaxe por parte da unidade teatral da Consellería de Cultura e Turismo.
Tanto Belén Pichel como as dúas actrices protagonistas participaron hoxe na presentación aos medios do espectáculo, na que tamén interviñeron o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, e a directora do Centro Dramático Galego, Fefa Noia.
Textos protagonizados por mulleres maduras
Coa elección deste título, co que Jen Silverman gañou popularidade no seu país a raíz da súa representación no Humana Festival of New American Plays de 2015, Contraproducións aborda tamén a necesidade de levar a escena textos protagonizadas por mulleres de máis de 50 anos, ao tempo que segue a senda emprendida coa súa montaxe Nacidas libres.
Neste caso, A compañeira de piso conta dun xeito áxil, ao tempo que profundo, a historia de Sharon e Robyn, ambientada no rural de Iowa. A primeira delas, unha ama de casa madura e recentemente divorciada, publica un anuncio para compartir a súa casa. A el responde Robyn que, cun perfil contrasposto ao da súa caseira (lesbiana, vegana, urbanita…), está a buscar un refuxio no que se agochar e cambiar de rumbo.
Este cruce de vidas, máis semellantes do que parecería atendendo ás evidentes diferenzas, pon en cuestión os roles sociais e os patróns adquiridos, ademais de propoñer unha reflexión sobre a liberdade de escoller o propio destino. Cóntase para isto coa solvencia interpretativa de Rebeca Montero e Patrica Vázquez, dous recoñecidos nomes da nosa escena.
Música orixinal
O guitarrista e compositor Guillerme Fernández, membro fundador de Berrogüetto e integrante de numerosos proxectos musicais, asina a música orixinal de A compañeira de piso. Tamén se implicaron nesta montaxe Carlos Alonso no deseño da escenografía e o vestiario, Afonso Castro na iluminación, Xosé Barato na voz en off e Lilian Portela como axudante de dirección, na produción executiva e na adaptación.
Gran parte deste equipo participará no encontro co público que terá lugar este xoves, inmediatamente despois da función de estrea, para a que a entrada é por convite.
Para o resto das representacións, a venda anticipada de localidades está xa operativa a través do web entradas.abanca.com e do teléfono 902 434 443 a un prezo de 10 euros, cos descontos habituais, de venres a sábado; e de 5 euros o domingo, en tarifa única do día do espectador. No despacho de billetes do Salón Teatro, poderán adquirirse desde dúas horas antes do comezo das representacións.
Esta é a segunda das cinco coproducións previstas polo Centro Dramático Galego para este ano 2019. Así, tras a presentación o pasado mes de xaneiro de Doppelgänger, con Berrobambán e a compañía colombiana El Arca de N.O.E., e a estrea de A compañeira de piso, as seguintes propostas en ver a luz ao abeiro deste programa do CDG serán Invisibles, de Redrum Teatro; Soma, de Javier Martín; e Se fosen turistas levarían gafas de sol, de Limiar Teatro”

A obra gañadora do Certame Manuel María de Proxectos Teatrais vaise representar en 23 concellos

Desde Sermos Galiza:
“O proxecto presentado pola compañía Teatro da Ramboia está realizado sobre o texto de Manuel María O meu mundo non é deste reino ou Farsa de Bululú, unha parodia sobre a ditadura franquista.
A compañía formada por María Peinado, Fran Lareu, Anxo García e Germán Gundín foi declarada gañadora o pasado 28 de novembro no Teatro Rosalía da Coruña. Obtivo un premio de 2.000 euros por parte da Fundación Manuel María e o compromiso pola parte dos concellos e deputacións colaboradoras de que a obra se inclúa na súa programación teatral.
Os concellos adheridos son A Coruña, Ames, Barbadás, Betanzos, Brión, Cambados, Cambre, Cangas, Carballo, Carral, Cedeira, Culleredo, Malpica, Monforte, Muros, Neda, Oleiros, Ponteareas, Pontevedra, Rianxo, Ribadeo, Verín, Vimianzo mentres que as Deputacións son as de A Coruña, Lugo e Pontevedra.
O xurado desta primeira edición do Certame destacou entre os valores da obra o amplo abano de público ao que se dirixe así coma a probada calidade artística do elenco e a diversidade de espazos nos que pode ser escenificada.
Neste caso, estivo presidido polo actor e director Manuel Lourenzo Pérez. Os vogais que tiveron parte na votación foron a produtora e presidenta de Escena Teatral, Belén Pichel, e o actor e director, Francisco Cadaval.”

Belén Pichel: “A unión das compañías de teatro é histórica”

EntrevistaBelén Pichel de Carme Vidal a Belén Pichel en Sermos Galiza:
Escena Galega duplicou o número de compañías asociadas en só uns días. Responde, segundo a súa nova presidenta, Belén Pichel, a un tempo novo no teatro galego, por vez primeira unido para sumar forzas e defender o seu futuro. Mercé Castro, Xoque Carbajal, Tatán Cuña, Xesús Ron, Areta Bolado e Artur Trillo acompañan a Belén Pichel na nova directiva da entidade.
– Sermos Galiza (SG): Que supón ese reforzamento de Escena Galega coa “acción colectiva” de ingreso de compañías?
– Belén Pichel (BP): Pois eramos 17 compañías asociadas e pasamos a 40. Trátase dun feito histórico porque, até o momento no se conseguira que toda a profesión estivera xunta. Mesmo compañías que levaban moitos anos de traxectoria eran reticentes a se incorporar. Cos acontecementos sociais que estamos a vivir nestes últimos tempos quixemos darlle un pulo a Escena Galega e convidar ás compañías a participar, o que coincidiu co movemento por parte delas que estaban falando ao tempo de unirse. (…)
– SG: Á marxe dese incremento, a crise levou moitas compañías?
– BP: Quen aguantou estes catro anos foron heroes porque foron durísimos. Os recortes foron tremendos, non comparábeis con ningunha área. No primeiro xa nos meteron un do 30% e moitas compañías tiveron que deixar os locais e mesmo vender material que tiña, e outras, claro está, desapareceron.
– SG: Agora destacan que van optar pola organización e desbotar un discurso queixoso da situación.
– BP: É a nosa postura. Deixar ao lado esa queixa continuada para pasar a transmitir un discurso ilusionante. A nova directiva leva pouco tempo no cargo mais traballamos arreo e abrimos grupos de traballo para facer propostas concretas, para a vindeira feira, sobre o modelo de subvencións, para a proxección exterior do teatro galego…En certa medida, volvemos a como cando se iniciou o teatro profesional, cando as compañías ían coas súas furgonetas e facían de todo. Vivimos unha volta de vinte ou trinta anos. Queremos, de todas maneiras, transmitir a enerxía que temos neste momento por estar xuntos e traballar polo noso futuro, non só protestar. (…)”

Marea teatral: catorce compañías ingresan en “Escena galega” nunha “acción colectiva”

ReportaxeEscena Galega en Sermos Galiza:
“Chévere, Voadora, Pisando Ovos, Il Maquinario, Redrum, Inversa Teatro, A Panadaría, Borja Fernández, Artesacía, Aporía escénica, Funboa Escénica, Bocaberta, Lamacana e Traspediante decidiron formar parte de Escena Galega ao tempo, nunha “acción colectiva” que definen como un “fito na traxectoria do teatro galego” de cara á confluencia teatral. Afirman querer sumarse así “ao pulo das mareas cidadás que están revolucionando o panorama teatral galego”.
A acción responde á que cualifican como “crítica” situación do sistema escénico galego, cun modelo de subvencións “obsoleto e inoperante”, continuos recortes e o desmantelamento da Rede Galega de Teatros e Auditorios. “Por tanto, para reconstruír o sistema escénico galego, dar respostas fronte á crise e dotarnos dunha cultura viva, participativa e con futuro, comezamos por fortalecer o espazo asociativo profesional”, afirman, nun comunicado pendurado na páxina de algunhas das compañías no que anuncian a vontade de “cociñar proxectos ilusionantes en común”.
Confían en aproveitar a oportunidade dos novos gobernos municipais e deputación para “levar adiante as políticas necesarias para superar a crise que o goberno da Xunta foi incapaz de deseñar e xestionar”.
Escena Galega, que agrupa a grupos de teatro, danza, circo e títeres, suma agora 33 compañías. A recén nomeada directiva composta pola presidenta de Escena Galega, Belén Pichel (Abrapalabra); a vicepresidenta, Merce Castro (Eme2); o secretario, Xoque Carbajal (Malasombra); o tesoureiro: Tatán Cuña (Tanxarina); e os vogais Xesús Ron (Chévere), Areta Bolado (A Panadaría) e Artur Trillo (Talía) convocaron a unha roda de prensa en Compostela a terza feira -Teatro principal ás 11:30 horas- para presentar os seus obxectivos e a estratexia que deseñan para acadalos. Entre os fins que se marca Escena Galega está “reconstruír o sistema escénico galego e sacalo da súa crítica situación actual, plantexar un novo modelo de subvencións e abrir novas dinámicas de traballo entre as compañías”.”