A compañía Producións Excéntricas gaña o Certame Manuel María de Proxectos Teatrais, na súa 3ª edición, con Auto do Castromil

Desde a Fundación Manuel María:
“O Salón Teatro compostelán serviu de escenario para a entrega do premio correspondente á 3ª edición do Certame Manuel María de Proxectos Teatrais convocado pola Fundación e Casa-Museo Manuel María coa colaboración das Deputacións da Coruña, Lugo e Ourense; do Centro Dramático Galego; das Mostras de Teatro de Ribadavia, Cariño e O Carballiño e de 33 concellos galegos: A Coruña, As Pontes, Ames, Arteixo, Barbadás, Betanzos, Brión, Cangas, Cambados, Carballo, Cariño, Carral, Cedeira, Culleredo, Gondomar, Lugo, Malpica, Melide, Monforte, Neda, O Barco, O Carballiño, Oleiros, Ponteareas, Pontevedra, Rianxo, Ribadeo, Ribeira, Sada, Santiago, Tomiño, Verín e Vilalba.
Nesta 3ª edición o premio recaeu na compañía Producións Teatrais Excéntricas polo seu proxecto Auto do Castromil, realizado sobre a obra homónima de Manuel María. A obra será dirixida por Quico Cadaval e o elenco está composto por Víctor Mosqueira, Evaristo Calvo, Patricia Vázquez e Rocío González acompañados de Carlos Alonso na escenografía, Piti Sanz no espazo sonoro e Octavio Mas na iluminación.
O xurado tomou a súa decisión por unanimidade e cualificou o proxecto como “brillante e imaxinativo, recuperando propostas contidas no Teatro de máscaras de Otero Pedraio, un dos textos máis visionarios no deseño dun teatro de vangarda propiamente galego”. Resaltou, ademais, que “a obra presenta unha gran capacidade de chegar a un espectro de público moi amplo, incluído o público escolar, pola súa mistura de estilos, o xogo cos obxectos e os materiais propostos, aventurando un espectáculo singular que promete poética e humor”. Tamén valorou o xurado que a proposta gañadora “presenta unha estética con capacidade de intervir na sociedade contemporánea recollendo os valores da obra de Manuel María que combina a vangarda coa cultura popular.” Finalmente salientou que “a compañía promotora -Excéntricas- está constituída por un equipo artístico sólido, contrastado e de alta calidade que resulta unha garantía para o desenvolvemento dun espectáculo atractivo de xogo escénico, comprometido, de humor e poesía”.
O Xurado estivo presidido por Manuel Lourenzo -Premio Nacional de Teatro-, actuando de vogais María Barcala de Teatro do Atlántico, Fernando Dacosta de Sarabela Teatro, Mónica Camaño, actriz e Manuel Xestoso, crítico teatral. Realizou a función de secretario, sen voto, Alberte Ansede en representación da Fundación Manuel María.
Este Certame ten carácter bienal e está destinado ás compañías profesionais galegas. Nel prémiase a mellor proposta escénica dunha obra de Manuel María, co compromiso por parte da compañía gañadora de levala á escena no prazo máximo de 10 meses. Despois estará en cartel cando menos até rematar o ano 2024.
En relación ao premio outorgado adóptase unha fórmula orixinal en canto que o seu aspecto substancial reside na amplísima xira da obra pois partirá con 40 representacións grazas á colaboración das Deputacións, concellos e diferentes Mostras de Teatro. Ademais diso a propia Fundación achega 4000 euros como axuda á produción e o CDG coproduce o espectáculo. O presidente da Fundación Manuel María, Alberte Ansede, resaltou precisamente o feito de que este é un galardón moi singular en canto que “o mellor recoñecemento para unha obra é a súa difusión pois, ao fin, é o que máis desexa unha compañía profesional: chegar ao seu público.”
O encargado da entrega do Premio foi o propio Alberte Ansede, sendo recibido por Quico Cadaval, director da obra premiada. Estiveron acompañados por Francisco Javier Núñez, Director do Centro Dramático Galego; por Mercedes Rosón, concelleira de Cultura de Santiago de Compostela e polo Xurado ao completo.”

Ernesto Is gaña o XVI Premio Abrente da MIT de Ribadavia

Desde Erregueté:
Ernesto Is (Xixón, 1988), membro do consello de redacción da erregueté | Revista Galega de Teatro, é o gañador do XVI Premio Abrente de Textos Teatrais da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia con Profetas, unha reflexión sobre a arte, o amor, as cidades e as ficcións que nos conforman como persoas. O xurado, composto pola actriz Patricia Vázquez, o dramaturgo José Luis Baños de Cos e a escritora Anna R. Figueiredo, salientou de Profetas “a potencia escénica da obra, unha proposta épica dende a normalidade de situacións vitais, unha obra sen artificio, auténtica e eficaz”.
Este é o segundo Abrente para o dramaturgo asturiano, xa que no ano 2016 a súa peza Fendas foi premiada xunto a Todo sobre Eva de Xandra Táboas. O galardón consiste na edición da obra por parte da editorial Difusora de Letras, Artes e Ideas na súa Colección Abrente e mais 3500 euros. (…)”

Premios no Festival do Teatro Galego do Carballiño en 2019

Desde Sermos Galiza:
“A 30ª edición do Festival de Teatro Galego ‘Celso Parada’ (Fetega) do Carballiño puxo esta sexta feira o ramo á súa edición de 2019, que se celebrou na primeira semana de setembro. A entrega do seu premio de honra ao actor e cofundador da compañía Chévere Miguel de Lira, pola súa achega “imprescindíbel” ao mundo das artes escénicas marcou o acto de clausura.
Non foi o único premio entregado na gala de feche do Fetega. Así, o xurado escolleu como mellor monologuista a Pepo Suevos, 4 segundos da compañía ÍO recibe o galardón a Mellor Espectáculo de Rúa, Machi Salgado a Mellor Actor e Patricia Vázquez a Mellor Actriz. Curva España, da compañía Chévere leva o premio a Mellor Espectáculo.
O Fetega do Carballiño fai tres décadas. Cinco compañías conformaron o groso da programación da edición número 30, do 2 ao 6 de setembro e que tamén incluíu monólogos, novo circo e animación de rúa. Este ano ampliou o seu nome e pasa a chamarse Festival de Teatro Galego Celso Parada.”

Contraproducións e CDG estrean no Salón Teatro a comedia A compañeira de piso con Rebeca Montero e Patricia Vázquez

Desde Agadic:
“A compañía galega Contraproducións e o Centro Dramático Galego (CDG) estrean este xoves 28 no Salón Teatro de Santiago o espectáculo A compañeira de piso, desenvolvido co apoio da Xunta ao abeiro do programa de coproducións da compañía pública. As actrices Rebeca Montero e Patricia Vázquez poñen en escena a adaptación desta comedia da norteamericana Jen Silverman sobre dúas mulleres maduras que, con situacións contrapostas, se enfrontan a un importante cambio vital.
Cándido Pazó e Belén Pichel dirixen esta proposta, que ultiman estes días co resto do seu equipo e co apoio técnico do CDG no Salón Teatro, onde poderá verse do xoves 28 de febreiro ao sábado 2 de marzo, ás 20,30 h., e o domingo 3, ás 18,00 h. Esta residencia artística previa á estrea é un dos eixos do devandito programa de coproducións, que implica tamén o apoio económico a esta montaxe por parte da unidade teatral da Consellería de Cultura e Turismo.
Tanto Belén Pichel como as dúas actrices protagonistas participaron hoxe na presentación aos medios do espectáculo, na que tamén interviñeron o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, e a directora do Centro Dramático Galego, Fefa Noia.
Textos protagonizados por mulleres maduras
Coa elección deste título, co que Jen Silverman gañou popularidade no seu país a raíz da súa representación no Humana Festival of New American Plays de 2015, Contraproducións aborda tamén a necesidade de levar a escena textos protagonizadas por mulleres de máis de 50 anos, ao tempo que segue a senda emprendida coa súa montaxe Nacidas libres.
Neste caso, A compañeira de piso conta dun xeito áxil, ao tempo que profundo, a historia de Sharon e Robyn, ambientada no rural de Iowa. A primeira delas, unha ama de casa madura e recentemente divorciada, publica un anuncio para compartir a súa casa. A el responde Robyn que, cun perfil contrasposto ao da súa caseira (lesbiana, vegana, urbanita…), está a buscar un refuxio no que se agochar e cambiar de rumbo.
Este cruce de vidas, máis semellantes do que parecería atendendo ás evidentes diferenzas, pon en cuestión os roles sociais e os patróns adquiridos, ademais de propoñer unha reflexión sobre a liberdade de escoller o propio destino. Cóntase para isto coa solvencia interpretativa de Rebeca Montero e Patrica Vázquez, dous recoñecidos nomes da nosa escena.
Música orixinal
O guitarrista e compositor Guillerme Fernández, membro fundador de Berrogüetto e integrante de numerosos proxectos musicais, asina a música orixinal de A compañeira de piso. Tamén se implicaron nesta montaxe Carlos Alonso no deseño da escenografía e o vestiario, Afonso Castro na iluminación, Xosé Barato na voz en off e Lilian Portela como axudante de dirección, na produción executiva e na adaptación.
Gran parte deste equipo participará no encontro co público que terá lugar este xoves, inmediatamente despois da función de estrea, para a que a entrada é por convite.
Para o resto das representacións, a venda anticipada de localidades está xa operativa a través do web entradas.abanca.com e do teléfono 902 434 443 a un prezo de 10 euros, cos descontos habituais, de venres a sábado; e de 5 euros o domingo, en tarifa única do día do espectador. No despacho de billetes do Salón Teatro, poderán adquirirse desde dúas horas antes do comezo das representacións.
Esta é a segunda das cinco coproducións previstas polo Centro Dramático Galego para este ano 2019. Así, tras a presentación o pasado mes de xaneiro de Doppelgänger, con Berrobambán e a compañía colombiana El Arca de N.O.E., e a estrea de A compañeira de piso, as seguintes propostas en ver a luz ao abeiro deste programa do CDG serán Invisibles, de Redrum Teatro; Soma, de Javier Martín; e Se fosen turistas levarían gafas de sol, de Limiar Teatro”