Francisco Rodríguez: “Rosalía era unha nacionalista”

Entrevista de Carlos Callón a Francisco Rodríguez en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Como foi o teu novo encontro con Rosalía? Como era ese home novo que se encontrou coa súa obra?
– Francisco Rodríguez (FR): Eu o que fixen foi voltar de Albacete, onde estaba traballando xa como profesor de instituto, porque alí gañara a praza de profesor agregado. Cando tiven a oportunidade dun concurso de traslados, despois de todos os anos que era obrigatorio estar alí, xa collín e, das cinco prazas que había en Galiza, vin para Ourense. Mais é certo que Rosalía facía parte da bagaxe con que eu quería voltar ao país, reencontrándome con el, mais con maior coñecemento de causa e maior coñecemento da súa cultura e das personaxes fundamentais que axudaron a darlle vida. Unha delas era Rosalía, que para min era unha persoa moi opaca a teor dos datos con que eu podía contar, e das miñas leituras. De feito, lembro que dei unha conferencia no Día do Libro, en Albacete, que quedaron escandalizados, aínda que sen o diciren senón por detrás, porque non daban creto a certas cousas que eu comentei. Aquilo estaba motivado só por unha leitura superficial, mais eu era consciente de que a min me faltaban moitos datos de carácter extrínseco, da Historia de Galiza, do contexto en que Rosalía vivira, e moitos datos sobre quen era ela. Tamén sentía a incapacidade para comprender moitos textos que, se non eran os máis estereotipados ou os máis directos, non me resultaba tan fácil entendelos, alén de que xa había unha parte da obra que xa nin a consideraba, toda a obra en español. Entón, eu voltei tamén con esa teima.
Nos primeiros anos, a verdade é que eu me convertín nun propagandista de Rosalía de Castro, con palestras. Eu empregaba sobre todo o recitado duns cantos poemas chaves. A verdade é que o impacto no público popular era moi grande. Eu, primeiro, dediqueime a iso. Conforme eu ía lendo, tamén lerlle aos demais. E pasei moitos anos así. (…)
– SG: Por que houbo que agardar un século para desvendarmos Rosalía?
– FR: Hai un entrevelado de varias causas. A primeira, e determinante, é o papel tan sumamente marxinal que ten a cultura galega dentro do propio país, de tal xeito que a visión que hai sobre ela, e sobre todo a que había, porque era cando aínda se ollaba tamén algo desde dentro e desde fóra, era unha visión que non podía nunca sobardar os limites de algo tolerado, permitido, acoplado ou funcional á cultura española. Por tanto, unha categoría provinciana da cultura española.
Iso é o esencial no propio espazo intrínseco do campo cultural. Esa visión é moito máis grave cando se lle aplicou xusto a unha personaxe e a unha obra que teñen un valor fulcral na cuestión da restauración da cultura galega e no salto cualitativo que supuxo mesmo en comparanza cos países que nos rodean, de tal xeito que se unha literatura non se acopla ben ao esquema provinciano, como era a galega dos grandes clásicos, mais se estuda cos óculos con que se olla a literatura española e a francesa como centrais, o resultado é a incomprensión, no mellor dos casos, o disparate ou a acomodación. Entón, hai que rebaixala!
E despois está a cuestión claramente política, pois todo isto está reforzado porque á cultura galega, e en especial a Rosalía, houbo que lle botar a gadoupa para se apropiaren dela, a pesar de que en principio se recorreu máis a ver se éramos quen de eliminala.
O puzzle agravouse porque, na evolución política do Estado español, houbo toda unha época onde si estiveron dispostos a botar man desas figuras para xustificar o españolismo e para xustificar a actuación de determinado tipo de partidos, cuberta nunha política cultural. Entón, cando había algún crítico español intelixente, había cousas que se intuían, mais eses mesmos críticos nunca quixeron ultrapasar ou romper a visión política da escritora. Un caso exemplar é Azorín.
Outro caso exemplar de incomprensión e, ao mesmo tempo, de saber que se trata de algo moi importante é Luis Cernuda. Outro caso de valoración xusta como leitor, de se decatar que é algo moi importante, mais facer unha explicación psicolóxica de Rosalía que é un disparate total, é Unamuno. (…)”