A AELG lamenta a perda do seu Socio Manuel Vilanova

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega lamenta a perda de Manuel Vilanova.

Manuel Vilanova (Barbantes, 1944 – Vigo, 2019). Doutor en Filoloxía Románica pola UCM e Catedrático de Lingua e Literatura Española de Ensino Medio, é autor dunha obra poética en língua galega de exquisita envergadura composta polos seguintes volumes:
– A tarde cheia de verán (1979). Editorial Mogor.
– E direi-vos eu do mister das cobras (1980). La Región.
– A lenda das árbores de prata (1985). Edicións Nós.
– A esmeralda branca (2006). Follas Novas
– Antonio das mortes e a muller de verde (2010). Sociedade de Cultura Valle-Inclán.
– Nin sequera no ceo (2011). Follas Novas.
– Un banco na Gran Vía (2016). Ir Indo.
– A substancia das horas (2017). Ir Indo.
– 74 saudades para ascender aos ceos (2019). Pigmalión.

Tamén é autor dunha serie de libros poéticos de gran calidade en castelán:
– Mejor el fuego (1972). Fablas Ediciones. Las Palmas.
– El cazador de días (1977). Fablas Ediciones. Las Palmas.
– El quinto cáliz (1977). Diputación Provincial de Granada.
– Casa para los ojos (1988). Diputación Provincial de Málaga.
– El corazón del pan (2002). Fundación Jorge GuillénValladolid.

A poesía de Manuel Vilanova, fundamentalmente a chamada tetraloxía vilanoviana, composta por E Direivos Eu do Mister das Cobras, de 1980, A lenda das Árbores de Prata, de 1985, A Esmeralda Branca, de 2006, e Un Banco na Gran Vía, de 2017, semella estar transida pola cobiza do infinito. Concepto que, dado a volta, reflectido no espello, poderíamos considerar como rexeitamento da finitude. A extensión colosal deste discurso, case sen parangón no marco das poéticas contemporáneas, unida á súa permanente calidade, convérteo nun fenómeno a considerar.

Este rexeitamento da finitude, que o é tamén do silencio, do nada, e, por tanto, da morte, descrita como “a saída” e “o billete de saída”, é unha aposta pola vida, pola creación, pola palabra, polo discurso. E a partir de aí podemos estender o xogo de analoxías. Ao fondo o eco da proposta hegeliana da arte como “presenza do infinito no finito”.

Esta cobiza do infinito ten como marco enunciativo unha voz que percibe o infinito dentro de si a través de desmesura das linguaxes, desmesura que se deixa sentir nos infinitos signos do mundo, multiplicados polo devir, mais, sobre todo, na lingua verbal e as súas infinitas combinacións e sentidos. O mundo é unha desmesura e as nosas múltiples, incontables propostas de representalo tamén rematan por se converter en desmesura. Fronte ás tentativas das ciencias e das técnicas de mensurar o mundo, a poesía asoma como a proba tanxible da súa desmesura.

Aos seus setenta e catro anos, Manuel Vilanova, nado en Ourense en 1944, escribe un libro de setenta e catro poemas: 74 saudades para ascender aos ceos (2019). Un libro que é unha recapitulación existencial e, por tanto, un axuste de contas co vivido. Trátase de darlle un repaso ao relato do camiño, iso que, normalmente, atinxe o nome de autobiografía. Mais non esquezamos de partida que estamos perante un dos maiores poetas que teña dado este noso país no seu milenio xa sobrado de existencia e que, por tanto, esta codificación do mundo representado e achegado aos sentidos do autor non se vai producir dun xeito común senón, antes ben, modificado pola orixinalidade da súa voz peculiar.

Manuel Forcadela

O enterro terá lugar o xoves 7 de marzo, ás 5 da tarde, en Barbantes (Ourense).

Aquí podemos ver a longa entrevista publicada no Centro de Documentación da AELG, onde fala da súa obra.