A AELG manifesta o seu profundo pesar polo pasamento de Alfonso Álvarez Cáccamo, membro desta Asociación

Alfonso Álvarez Cáccamo, narrador, poeta e tradutor prezado por todas e todos nós, finou o 4 de marzo de 2024 en Vigo.

A súa creatividade, centrada nomeadamente na narrativa, achegouse tamén á poesía, a tradución, a escrita xornalística, a biografía e a expresión pictórica, tendo recibido diversos premios ao longo da súa traxectoria.

Na páxina web da AELG poden verse as entrevistas e obra recitada polo autor na súa propia voz, así como consultarse, na súa Fototeca, as diversas mostras da súa participación en actividades colectivas vinculadas á nosa literatura.

A terza feira, martes, 5 de marzo, ás 19:00 horas, tivo lugar un acto civil de despedida no Tanatorio de Pereiró, en Vigo.

Falece a relixiosa e escritora Engracia Vidal, unha pioneira e revolucionaria da Igrexa galega

Artigo de Yuri Carrazoni en Nós Diario:
“Din que ninguén morre se permanece vivo no recordo, e Engracia Vidal é unha desas persoas. Relixiosa, docente, escritora, teóloga, galeguista, feminista, revolucionaria… son moitos os adxectivos cos que se podería describir a esta cambadesa nada en 1930 e finada esta terza feira, 23 de xaneiro, aos 93 anos de idade. O seu legado perdura intacto na memoria de quen compartiron vivencias con esta muller de firmes conviccións.
Ingresou moi nova no Sagrado Corazón de Praceres, en Pontevedra —onde esta quinta feira será despedida polos seus achegados— e impartiu aulas en diferentes centros da congregación. Engracia Vidal cursou estudos de Historia e diplomouse en Teoloxía, pero a súa aportación á comunidade vai máis aló da escola, pois insistiu en defender a lingua e identidade da Galiza e en abrir a Igrexa católica ás mulleres, como atesoura o feito de ser a primeira autora en lingua galega dun ensaio relixioso —Por unha Igrexa tamén feminina (2000)—, a primeira en ser mestra no Seminario Menor de Belvís (Santiago), ou de participar activamente nos inicios da Marcha Mundial das Mulleres. Foi, ante todo, “unha pioneira”.
“A Igrexa galega é hoxe o que é, en boa parte, grazas a ela, que estivo sempre traballando desde abaixo, apoiando, animando e creando novas iniciativas”, afirma, en conversa con Nós Diario, Marisa Vidal, mestra, teóloga e membro da Asociación de Mulleres Cristiás Galegas Exeria. Para ela, Engracia foi “unha muller moi activa” e de firmes conviccións.
O Concilio Vaticano II, destinado en esencia a abordar a relación da Igrexa co mundo moderno, marcouna profundamente. E xa nos estertores da ditadura franquista comezou a deixar unha forte pegada. “Nos anos 70, as monxas que se puñan ao carón do xente para escoitala, e exporse [como Engracia], estaban moi mal vistas”, apunta Vidal. Mais a ela non lle importaba, pois non había nada que a frease. (…)”

Falece ‘Hematocrítico’, escritor, docente e coñecido tuiteiro coruñés

Desde Nós Diario (foto do autor desde Xerais):
“Esta segunda feira faleceu a causa dun infarto o coruñés Miguel López, moi coñecido nas redes sociais polos seus chíos como ‘Hematocrítico’, segundo anunciaron fontes da súa contorna e confirmou a través das redes sociais súa parella, a escritora Ledicia Costas. López, que tiña 47 anos, era escritor de libros infantís e xuvenís e profesor. Ademais, o coruñés tamén colaboraba en programas de radio e televisión, así como con diversas revistas.
Xerais lamentou o pasamento de López, que publicou nesta editorial libros como Feliz feroz. O lobiño riquiño (2016), Axente Riciños (2016) e O lobo con botas (2018), ilustrados por Alberto Vázquez; Rapunzel con piollos (2019), Alcaldesa vermella (2020), Vaia cabuxiño! (2021), Axente Riciños. Misión Princesa (2022) e Morto de fame (2023), ilustrados por Mar Villar; e A media hora dos recreos (2020) e Campións do mundo (2020), ilustrados por Albert Monteys.
En 2021 nace en Xerais a serie ‘Os Hematiños’, ilustrada por Alberto Vázquez, que leva cinco títulos publicados: Un can (2021), O meu irmono (2021), Gaivota gourmet (2022), Oso banda (2022) e Unha unicornia (2023). Na colección ‘Sopa de Libros’ é autor da novela Dona problemas (2023).
“O equipo de Xerais lamenta profundamente o pasamento de Hematocrítico e quere trasladar o seu agarimo á súa familia e seres queridos. Recordarémoste sempre cun sorriso. Grazas, Hemato”, escribiu a editorial na súa conta de X.
A de Xerais é unha das múltiples condolencias que están inzando no serán da segunda feira as redes sociais, con palabras de cariño e agradecemento ao docente, cuxos libros gozan de grande acollida entre a rapazada.”

A AELG lamenta o asasinato en Gaza da poeta palestina Heba Abu Nada

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) amosa o seu profundo pesar polo recente asasinato en Gaza da poeta e novelista palestina Heba Abu Nada, referente na loita polos dereitos das mulleres.

Heba Abu Nada faleceu o pasado 20 de outubro a consecuencia dun dos ataques realizados por Israel contra a poboación palestina. Na véspera, escribira: “Se morremos, saiban que estamos satisfeitos e firmes, e díganlle ao mundo, no noso nome, que somos persoas xustas do lado da verdade”. Tiña 32 anos, era bioquímica e nutricionista, ademais de poeta e autora de novelas como O osíxeno non é para os mortos.

O seu último poema testemuñaba a situación que está a vivir o pobo palestino:

“A noite na cidade é escura, excepto polo brillo dos mísiles,
silenciosa, excepto polo son do bombardeo,
aterradora, excepto pola promesa tranquilizadora da oración,
negra, excepto pola luz dos mártires.”

A AELG quere reiterar o seu total rexeitamento a calquera forma de violencia e a súa solidariedade cos milleiros de persoas palestinas, moitas delas crianzas, que seguen estando en perigo na franxa de Gaza, tal e como xa recolleu nun comunicado feito público o pasado 15 de outubro, que se pode ler integramente aquí.

A AELG manifesta o seu profundo pesar polo pasamento do escritor Carlos Durão, socio desta entidade

Carlos Durão, narrador, poeta e ensaísta, faleceu este 8 de setembro.
Na web da AELG pode consultarse información diversa sobre a súa obra.

Nasceu em Madrid, de família galega com tradição emigrante (Brasil, Catalunha, Cuba, Venezuela), com a que morou nos primeiros anos em diversas localidades galegas (Escudeiros, Ferrol, a Granha, Guimarei, Riba d’Ávia, Tevra, Vigo, Víncios), o que lhe forneceu clara perspetiva da variedade das falas galegas. Estudou en Vigo (bacharelato), Santiago (começo de estudos universitários) e Madrid (licenciatura de Filosofia e Letras, ramo de germânicas), donde partiu para Londres, em regime de intercâmbio universitário por dous anos, e em situação de exílio até à morte do general Franco. Foi professor de idiomas em colégios ingleses, redator radiofónico no Serviço Espanhol e Português da BBC, e tradutor técnico em organismos britânicos e do sistema da ONU.
Em Londres participou em diversos movimentos dos anos 60, com bascos, catalães, galegos e portugueses; manteve contatos com o derradeiro cônsul da República española, com membros do Conselho de Galiza e com outros exilados.
Em 1970 foi cofundador do Grupo de Trabalho Galego de Londres, que publicava um Boletim para familiarizar os mestres rurais galegos com a primeira Lei do Ensino: ao seu Suplemento contribuíram os professores portugueses Agostinho da Silva e Rodrigues Lapa, e nele fizeram-se uns primeiros ensaios de adaptação de textos galegos à ortografia internacional. O Grupo de Trabalho Galego de Londres publicou um Plano Pedagógico Galego (1971).
Com Guerra da Cal teve uma relação assídua quando este residiu em Londres nos anos 90. Também durante muitos anos com o galeguismo do interior em geral, e mais tarde particularmente com o reintegracionismo.
Como membro do Comité de Cultura do Centro Galego de Londres, organizou durante muitos anos atividades como o Dia das Letras Galegas, o Dia da Pátria Galega, a biblioteca e a revista do Centro, participando também em revistas da emigração, conferências, etc. E deslocou-se para atividades similares a otros centros da emigração galega na Europa (Amesterdão, Genebra, Groninga, Munique). Representou o CGL na IV Reunião da Federação Mundial de Sociedades Galegas da Emigração (Santiago, 1984), no Comité Britânico pró Jacobeu (Londres e Santiago, 1993), e na 1st Oxford Conference on Galician Studies (1991).
Foi correspondente/colaborador das publicações Grial, Teima, A Nosa Terra, Agália, O Ensino, NÓS, Cadernos do Povo, Hífen, membro das Irmandades da Fala, da Associação de Amizade Galiza-Portugal, da Associaçom Galega da Língua, da AELG, e académico da Academia Galega da Língua Portuguesa.
Entre as suas publicações principais: A teima (novela) (1973); Galegos de Londres (romance) (1978); O internado (relato, premiado no 1° concurso “Pedrón de Ouro”, 1975) (1977); O silencio, nós (novela) (1988); Poemas do não (1987); Focagens/Fogagens, sob chancela das IF, 1991; Paralaxes, id., 1994; Prontuário Ortográfico das IF (autor e redator principal) (1984), que introduziu no movimento reintegracionista grafias como “Castelão”, e que forneceu duas palavras específicas galegas para incorporar no Acordo da Ortografia Unificada, de Lisboa, 1990.

A AELG lamenta a perda do escritor Xoán Xosé Fernández Abella

A AELG lamenta a perda do poeta Xoán Xosé Fernández Abella, quen desenvolveu o seu traballo creativo dunha maneira silenciosa e profunda, sempre entrañábel no seu vínculo co devir colectivo da nosa literatura e da Asociación con afecto e cercanía.

Aquí pode verse a ampla entrevista feita arredor do conxunto da súa obra.

Neste vídeo tamén podemos escoitar o autor recitando o poema Nai, da súa obra Poemas estradenses e catorce poetas máis.

A AELG lamenta o pasamento do seu socio Benito Pereira Domínguez

A AELG lamenta o pasamento do escritor Benito Pereira Domínguez, autor de diversas obras de narrativa e de divulgación.

Aquí poden verse os vídeos gravados ao autor en 2017, dispoñíbeis no Centro de Documentación da AELG.

A AELG manifesta o seu profundo pesar polo pasamento do escritor Salvador García-Bodaño, Socio de Honra deste colectivo desde 2004

Salvador García-Bodaño, poeta e narrador prezado por todas e todos nós pola capacidade creadora e a súa achega incansábel para dotarnos de institucións culturais, sociais e políticas, vén de finar hoxe,7 de marzo de 2023. Segundo informou a familia, a capela ardente estará instalada no Museo do Pobo Galego das 11:00 ás 19:00 horas do mércores, cuarta feira, 8 de marzo. Ás 19:00 horas desde día, en San Domingos de Bonaval, celebraranse as honras da despedida.

Nado en Teis (Vigo) en 1935, foi vogal do Consello Directivo da AELG nos anos da súa fundación, sendo nomeado en 2004 Socio de Honra deste colectivo. Foi elixido membro da Real Academia Galega en 1992.

A súa extensa obra, centrada nomeadamente na creación poética, recibiu numerosos premios ao longo da súa traxectoria.

Na páxina web da AELG poden verse as entrevistas e obra recitada polo autor na súa propia voz. das que salientamos esta entrevista de longa duración onde Salvador fixo un repaso demorado a toda a súa vida literaria.

Nas súas propias palabras, recollidas na autobiografía do autor na nosa web: “Fun sabendo quen era na medida en que vivía, ou, de poñérmonos transcendentes, funme coñecendo no propio vivir.”

(Esta foto pertence á Homenaxe O Escritor na súa Terra ao autor, por parte da AELG, en 2004).

A AELG lamenta o pasamento de Saleta Goi

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega lamenta profundamente o pasamento de Saleta Goi, presidenta da Fundación Manuel María de Estudos Galegos e Casa-Museo Manuel María, grande persoa e cunha vida de compromiso coa nosa lingua e cultura.

Das fotos que conservamos no Arquivo fotobiográfico de autor@s deixamos aquí estas dúas enviadas no seu momento por Manuel López Foxo: