Morre Pilar Vázquez Cuesta, catedrática de portugués da Universidade de Compostela

Desde Sermos Galiza (foto cedida a Sermos Galiza):
Pilar Vázquez Cuesta, catedrática de portugués na Facultade de Filoloxía da Universidade de Compostela, morreu o pasado 6 de marzo. Contaba 93 anos e un infatigábel labor de investigación e divulgación das culturas brasileira e portuguesa.
Ademais de volumes como Gramática portuguesa (1946), A poesia portuguesa actual (1976) ou A língua e a cultura portuguesa no tempo dos Filipes (1986), Vázquez Cuesta tamén dedicou os seus esforzos de filóloga á obra de ilustres autoras galegas, entre outras Rosalía de Castro, Eduardo Pondal, Eduardo Blanco Amor, Otero Pedrayo ou Ramón Cabanillas.
A profesora e filóloga nacera en Chantada en 1926. A súa nai, Modesta Cuesta, foi a primeira muller licenciada en Farmacia na universidade galega. O seu pai, Daniel Vázquez, deputado pola ORGA nas Cortes constituíntes da II República. Pilar Vázquez Cuesta titulouse en 1946 na Complutense de Madrid.
No 76 comezou como docente, tras gañar a oposición, de lingua e literatura portuguesas na Universidade de Salamanca e, a partir de 1982, como catedrática en Compostela. Despois de 1991, data da súa xubilación, continuou ligada a esta institución como profesora emérita.
Doutora Honoris Causa pola Universidade de Lisboa e medalla Castelao da Xunta de Galiza en 1996, foi ademais tradutora ao castelán de escritoras e escritores portuguesas e brasileiras.”