O 27 de marzo, ás 20:00 horas, na sede da A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º), comeza o ciclo de conferencias Xabier P. DoCampo na voz d@s amig@s, para ir preparando a grande homenaxe a Xabier P. DoCampo que varios colectivos, entre eles a AELG, celebrarán o 29 maio no Teatro Rosalía de Castro da Coruña. A primeira das conferencias será a ofrecida por Xosé Cobas, con título “Parella de feito”, ás 20.00 na sede da A. C. Alexandre Bóveda (como chegar). Xosé Cobas foi amigo persoal e ilustrador da meirande parte da obra de Xabier P DoCampo. Como traballaron xuntos dous grandes da creación, Xabier P. DoCampo e Xosé Cobas? Como foi o día a día diso que denominamos “parella de feito” na elaboración de tantos libros fermosos? Conversaremos con Xosé Cobas sobre o traballo feito en común, como unidos polo lirismo e a imaxinación estes dous creadores, cun vínculo moi íntimo de forte amizade, e cheos de coñecementos e experiencias crearon para o noso goce memorables historias que nos convidan a gozar do pracer da lectura.