Morreu un Mestre da Memoria, morreu Manuel Pazos Redonda, Pazos de Merexo

Morreu un Mestre da Memoria, morreu Manuel Pazos Redonda, Pazos de Merexo.
A Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG nomeouno Mestre da Memoria o ano 2018.

A AELG lamenta fondamente a perda dun dos seus Mestres da Memoria.
Os restos mortais de Pazos de Merexo están a ser velados no tanatorio do Grupo Bergantiños en Muxía, e a condución do cadáver está prevista para as cinco e media deste martes 26, cara a igrexa parroquial de San Martiño de Ozón.
Datos biográficos:
O acordeón diatónico, segundo o investigador Pedro Pascual, chegou á Península Ibérica a finais do s. XIX. E tivo éxito, un enorme éxito este instrumento, especialmente nas festas populares asociado ao baile agarrado e a outros ritmos de moda a partir dos anos 40 do s. XX. Mais axiña, a pesar desa enorme popularidade, caeu en desuso ao ser substituído polos acordeóns “piano” que levaban as orquestras profesionais.
A figura de Manuel Pazos é moi importante pois só el e uns pouquiños tocadores (Sindo de Olelas, Edelmiro de Irixo e Manuel Calvo) tocaban o diatónico ao estilo “galego” a finais do s. XX.
Grazas ás gravacións que se lle fixeron a partir de 1998, cando contaba xa 75 anos, podemos coñecer e conservar o amplo repertorio, decisivo para que un grande número de músicos máis novos se achegasen ao diatónico e interpreten, compoñan e intercambien con instrumentistas doutras tradicións ese xeito “galego” de tocar o diatónico.
Manuel Pazos Redonda, da Casa da Forreira, naceu en Merexo, parroquia de Ozón  (Muxía), o 9 de maio de 1926, nun lugar situado nunha paraxe espectacular no fondo da ría, entre Camariñas e Muxía. Fillo e neto de emigrantes na Arxentina, terceiro fillo dos 8 irmáns que foron. Manuel nin emigrou nin quixo ter que ver cos oficios do mar. Naceu onde vive, en terra de ceboleiros e ceboleiras, boa para cultivar, ademais de excelentes cebolas, millo, patacas… ou o que se queira, que foi ao que se dedicou Manuel toda a vida. Ou case toda, que tamén lembra os traballos dos tempos do wolframio que precisaban os alemáns e vixiaban os ingleses, e tamén que con algún daqueles cartiños aínda chegaría un acordeón máis moderno e mais enteiro á casa de Manuel.
En 1937, cando xa el andaba co devezo de imitar aos afamados Caroliños, músicos de Muxía, chegou ás súas mans o galano soñado; un acordeón de botóns que ao seu primo José de Benito non lle cabía na maleta de regreso a Arxentina.
Quedou o acordeón en Merexo e as primeiras leccións do primo aínda que, nun primeiro momento, mentres Manuel non foi quen de aprender un repertorio básico, o acordeón alugábase a veciños que xa sabían tocar para amenizar os bailes da parroquia. Pero non tardou Manuel en dominar as pezas imprescindibles para levar o ritmo no baile: xotas, muiñeiras, pasodobres, e tamén valses ou mazurcas que viñeran do outro lado do mar. O que máis lle gustou sempre foi ver como se botaban a bailar, sobre todo as mozas, cando el tocaba.
Aos poucos, Manuel foi facendo súas as pezas que aprendía, e engadiulles “o floreo”, unha habilidade que el imitou dos Caroliños, mellorándoa notablemente e que só uns dedos áxiles moi adestrados poden lograr.
O seu repertorio foise conformando de pezas escoitadas aquí e acolá, unhas chegadas do outro lado do mar, outras escoitadas a uns xitanos cando a mili, outras do ceguiño de Muxía, acordeonadas que el levaba ás palilladas e tamén aos salóns de baile de Merexo e arredores.
Sempre tocou só. Tras un tempo de silencio musical logo da morte da muller en 1989, en 1996, instigado polo fillo, Pedro, volve a coller o acordeón, desta volta para acompañar a viaxe no autobús e encher de sons atlánticos reivindicativos a Castellana de Madrid cando a gran manifestación dos gandeiros galegos en 1996, como fixo en 2008 cando houbo que protestar contra a megafactoría piscícola que quería asolagar Merexo.
A partir de aí chega o recoñecemento. Visita os platós de programas de TV como Luar, Alalá e A Repichoca. Actúa nos escenarios dos grandes teatros galegos (unha moi especial, sen estar prevista, no Pazo da Ópera da Coruña con Flaco Jiménez) recibe visitas de investigadores e músicos que queren saber, que queren aprender como Mercedes Peón, Ugia Pedreira, Kepa Junquera, os irmáns Castro Vicente, Xurxo Souto…, aínda que non faltaron os contratempos cando un accidente laboral afecta considerablemente a mobilidade de varios dos dedos dunha man.
Todo o superou Pazos. Chegaron as gravacións, as actuacións, os premios; os últimos, como sempre, os da veciñanza, pero chegaron.
Múltiples anécdotas encherían de alegría esta breve laudatoria. Como cando lle amañou o acordeón cunha pila de foco ao Ceguiño de Corcubión, os recordos do alcalde republicano de Carballo, José Monteagudo, agochado na súa casa no 36, os recordos do barco do gas, o buque cisterna alemán abatido no 43 no mar de Muxía por avión aliados e que deixou aquel mar mancado coa primeira marea negra que se recorda por alí. Alguén prendeulle lume ao gas e ardeu mar e o monte de arredor.
“É unha persoa moi polifacética, que igual muxe unha vaca que fai un cesto, toca unha mazurca ou un pasodobre”, dixo del o seu fillo Pedro.
“Acórdome cando eramos pequenos. Estaba o acordeón no faiado. E só o sacaba pola festa do San Martiño que viñan os primos de Corcubión. E despois máis adiante xa faciamos festa polo san Xoán ou polo San Pedro na praia de Lago, ou nun bar, ou mesmo na corredoira… Dunha peza pasaba a tocar outra, ata as tres da mañá, toda a noite”, di a súa filla María Xosé.
E quizais con estas dúas citas abondase, sen máis palabras, para definir a capacidade de Manuel Pazos para adaptarse ao medio e ás circunstancias. Citas ás que quizais só habería que engadir nun rótulo ben grande, xunto ao título de “Mestre da Memoria”, “Mestre do Floreo”.
Todo isto e moito máis poden vostedes ler e escoitar no libro-disco editado pola aCentralFolque (Centro Galego da Música Popular) en 2015 co título “Pazos de Merexo. O acordeón diatónico da Costa da Morte”, da autoría de Xurxo Souto e Pedro Pascual.  Unha publicación con datos biográficos, fotografías, partituras do repertorio antolóxico de Pazos de Merexo e un CD cunha entrevista e pezas musicais interpretadas por Pazos con Kepa Junquera, Brais Maceiras, Xosé Manuel Varela… e o seu propio neto, Adrián.

Vexa aquí o fondo videográfico coas participacións de Manuel Pazos no Proxecto Polafías, vídeos, gravados o 26 de marzo de 2018 en Merexo (Muxía).