Desde o Salón do Libro:
“Vinte anos de revolución! Hai unha vella canción que di que vinte anos non son nada, máis para nós vinte anos son -case- todo.
O Salón chegou hai vinte anos á nosa cidade con vontade de revolucionala. E así o fixo, cambiounos á cidade e á nós. Con el aprendemos que a literatura infantil e xuvenil non era só cousa de crianzas, e que non era a rama pobre da Literatura -que din- con maiúsculas. Que as ilustracións non son debuxiños que adornan o texto, que son quen de contar a súa propia historia. Que as lecturas, se son compartidas tórnanse máis enriquecedoras e divertidas. Que os contos lidos ou narrados en voz alta da caloriña ao corazón e arredan o medo e o frío. Que a música tamén serve para inventar universos. Que hai moitos mundos que nunca coñeceremos se non nos atrevemos a mergullarnos nas páxinas dos libros. Co Salón tamén aprendemos que as cousas só medran se se fan con ilusión e co traballo de todos e todas, por iso chegamos ata aquí, por toda a equipa de xente xenerosa que ao longo destas dúas décadas foi deixando o seu tempo, coñecemento, boa vontade, enerxía, devezos e soños, sen os que tería sido imposible celebrar este vinte aniversario.
Esta festa é vosa, de todas as crianzas, familias, docentes, escolas, bibliotecas… que pasastes algunha vez -ou todas as veces- polo Salón, para escoitar contos, lelos ou gozar dos mundos máxicos que tentamos crear coa ambientación cada ano. Moitos chegastes a primeira vez como cativos e cativas e agora nos acompañades como pais e nais, ou traballando con nós, como monitores ou contando contos, impartindo obradoiros… O Salón, igual que a nosa cidade, transformouse e transformounos nestes vinte anos, desde o claro compromiso de as crianzas nesta Boa Vila (que dá de ler a quen pasa) son a medida de todas as cousas. E coincidindo con Borges, de que as cidades son libros que se len cos pés, a nosa lese con pés de neno e de nena, e lese moito mellor desde que o Salón está con nós. Celebremos estes vinte anos e brindamos porque veñan máis vinte!. Aquí pode verse o programa completo.