“Punto de encontro”, por Ánxela Lema París

Artigo de Ánxela Lema París na Plataforma de Crítica Literaria A Sega:
“Pasar as páxinas do Spleen en catro tempos de Arancha Nogueira é adentrarse nun mapa onde todos os puntos marcados nos resultan familiares. Un mapa por onde todas as que nacemos entre finais dos oitenta e principios dos noventa vagamos zombies, cansas e ansiosas. Un espazo que creou como punto de encontro para o acougo e o entendemento, para a empatía e a rede.
Un discurso poético con pegadas dunha Lupe Gómez cando lemos as súas vontades “de saír correndo polas rúas/ espida e vermellísima/ case igual que como nacín” e, como os de Lupe, versos directos, desgarrados, reais, que doen por momentos e que, por outros, sacan un sorriso. Un espello no que non sempre e cómodo verse, mais si necesario.
Encontramos aquí unha cidade escura e gris, unha Compostela na que vivimos de aluguer, na que os corpos teñen cicatrices e nada teñen que ver cos maniquís utópicos, na que xa non están as amigas de sempre porque tiveron que emigrar e onde as que aquí ficamos imos dun lado para outro en constante transición precaria. Nogueira mostra sen filtros de Instagram a crúa realidade da nosa xeración cunha angustia constante que percorre todo o poemario sobre as promesas nunca realizadas, os obxectivos nunca acadados e con ese conflito continuo co que vivimos entre a realidade e a ficción. Porque, como ben di, “o feo sempre nos molesta” nunha ollada afeita ao mundo de Mr. Wonderful, cheo de emoticonos e un mundo dixital tan perfecto como irreal que nos fai cuestionarnos a cada paso. Ben ao contrario, o que nós temos como paisaxe é unha “chaira enorme de plantas de interior” que nunca fotografamos por vergoña a partillar. E como iso, o silenciamento do número de lavadoras que poñemos, do blue tac que queda pegado nas paredes de cada piso que habitamos e das postais que non imos mandar porque iso, como o feo, incomoda. (…)”