Entrevista de Montse Dopico a Olga Novo en Praza:
“Feliz Idade é “a condensación no tempo, nunha Idade, do encontro con persoas que fan felices aos demais. E ese é o gran don ao que canta este libro. A presenza, no mundo, de seres que fan da vida un paraíso aquí e agora, e que extirpan na súa praxe cotiá, de xeito silencioso, as dores e as miserias que nos atenazan. A linguaxe bordea con dificultade tal experiencia inefable”. Así resume Olga Novo o contido do seu novo libro, Feliz Idade, que vén de editar Kalandraka. Nada máis hai, se cadra, que dicir, que non sexa convidar a achegarse a el. E esta entrevista pode servir quizais para subir, nese proceso, un primeiro chanzo.
– Praza (P): “A poesía é un acto radical de vida, e estes poemas son tan só terminacións nerviosas da poesía experimentada”, dis no limiar de Feliz Idade. Que a poesía é vida, e non só exercicio literario, é algo que defendiches sempre. Mais é como se a pegada da vida, da experiencia, fose máis forte neste poemario. Por que?
– Olga Novo (ON): En efecto eu nunca concibín a poesía como un mero exercicio literario, máis ben ao contrario. E creo que era poeta antes de aprender a ler ou escribir, porque a poesía -como actitude vital- antecede ao poema. O que acontece é que a pegada da vida neste poemario é quizais máis evidente, dado que se fai referencia directa a feitos experienciais tan fortes como a maternidade ou a enfermidade e morte do pai. Nese senso, o poemario ancora absolutamente na vida, acaso porque a poesía só pode ser verdade.
– P: Explicas no limiar que o libro contén un círculo no que a túa filla e o teu pai se encontran: a pequena, unha nena medrando, e el, un señor maior voltando á infancia. Nese sentido, todo o libro é unha declaración de amor: á filla, ao pai, á parella… “Souben/ que a miña natureza era amar”, di un dos versos, contra o final do libro. Definirías así este libro, como unha declaración do amor?
– ON: O libro está vivido, sentido e escrito coma un canto de amor profundísimo, porque o amor salva, cura e cauteriza, xustifica e engrandece a existencia. E a poesía non é senón expresión -neste caso, verbal- dese acto radical de amor. Feliz Idade é a condensación no tempo, nunha Idade, do encontro con persoas que fan felices aos demais. E ese é o gran don ao que canta este libro. A presenza, no mundo, de seres que fan da vida un paraíso aquí e agora, e que extirpan na súa praxe cotiá, de xeito silencioso, as dores e as miserias que nos atenazan. A linguaxe bordea con dificultade tal experiencia inefable. (…)”