Ledicia Costas: “Como autora implícome tanto que me desgarro”

Entrevista a Ledicia Costas no Diario de Pontevedra:
“(…) – Diario de Pontevedra (DP): Que supón Infamia para Ledicia Costas?
– Ledicia Costas (LC): Infamia supón un cambio radical de rexistro. É unha novela moi emocional, moi dura e de temática controvertida que escribín con algo de rabia. É unha obra visceral. A novela xira arredor de dúas desaparicións de dúas irmás.
– DP: Que hai de verdade e de ficción?
– LC: É un thriller psicolóxico que xira arredor das pesquisas do caso de dúas irmás que desapareceron unha tarde. Houbo dous casos que me marcaron profundamente na miña vida: o asasinato de Marta del Castillo e todo o que sufriu o pianista James Rhodes. Esta é unha obra de ficción, pero bebe da realidade en grande medida. Estiven documentándome co que aconteceu con casos como o de Marta del Castillo ou as nenas de Alcasser e outras antes de escribila. Cando a novela é tan psicolóxica e os personaxes parece que se desangran, ti como autora tamén. De feito, acabo esgotada de escribir. Sucedeume cando escribín Un animal chamado néboa. A novela avanza e tira de min. Chega un momento no que é como se a protagonista abrise unha caixa de Pandora e de aí saen dramas absolutamente desgarradores. Como autora, implícome tanto emocionalmente que me desgarro cando escribo. A escrita ten esa parte doce, pero tamén esa outra cando falas de temas de actualidade social, que ten que ver con cousas que vemos na televisión todos os días e reflexionas sobre a sociedade na que vivimos. Maltratos, abusos a mulleres, violacións, violencia entre adolescentes… todo iso está no meu libro.
– DP: A protagonista é unha avogada, coma vostede. Que máis ten Emma Cruz de Ledicia Costas?
– LC: Emma Cruz é un personaxe de ficción que arrastra un trauma da infancia. Temos en común a formación en Dereito e coido que pouco máis. Ao longo da novela hai moitas reflexións que reflicten o meu xeito de entender a vida. Mais non só as que fai Emma. (…)”