Manuel Portas: “Ensínasenos a procurar no amor unha sorte de solución a todos os nosos males”

Entrevista de Montse Dopico a Manuel Portas en Praza:
“(…) – Praza (P): O narrador [Por puntos] parece ás veces un romántico e outras semella que ri duns personaxes a miúdo un pouco patéticos. Persoas que se senten soas e que tentan -quizais de xeito absurdo- curar as súas carencias emocionais cumprindo coa norma social: buscando unha relación de parella. Hai unha intención de crítica social aí?
– Manuel Portas (MP): Por aí van os tiros. Pero en moitos personaxes hai xogos arquetípicos e histriónicos. Aínda que o narrador, que se mantén nunha omnisciencia aséptica e ás veces cruel, con quen marca máis distancias é co personaxe do profesor da autoescola, o representante da “autoridade”, que esconde unha angustia vital moi forte. Mais si: é un xogo traxicómico. Eu procurei, iso si, tratar cun delicadeza, con sensibilidade, uns personaxes que, como dis, poden resultar patéticos.
Por unha banda porque non teño intención moralizadora ningunha, e por outra porque penso que, sendo como son, resultan moi humanos e non é difícil poñerse no seu lugar. Si é certo que, como dicía, hai tipoloxías, arquetipos… Coma os mozotes do Barbanza, por exemplo. Ou Tupé, tan macholo, que sofre tamén unha tremenda soidade. E si, a novela ten que ver con como están estruturadas as relacións humanas, como se nos ensina que a solución á soidade é a procura dunha relación de parella, como se iso fose unha sorte de solución a todos os nosos males. Despois tamén hai un certo xogo coas convencións da novela policiaca, cos seus arquetipos: un caso a resolver, un investigador… (…)
– P: Tamén Marité e Adela -que, sendo máis nova, non é unha muller moi empoderada- representan un pouco o mesmo, en distintas xeracións. Esa socialización que fai depender a autoestima de ter “pretendentes”…
– MP: A de Marité a min paréceme unha existencia dramática. Acaba de casar, despois dunha primeira experiencia sexual traumática queda sen parella e non volve ter outra relación. Garda o seu equilibrio levando unha vida recollida e metódica, refúxiase no alcol, no que atopa momentos de pracer solitario… A súa é unha tremenda soidade ontolóxica…
Adela é capaz de sobrepoñerse tras o remate, tamén traumático, dunha relación, e mesmo se rebela contra a nai cando esta a chama a resignarse, porque non está disposta a aguantar: ten polo menos o seu amor propio. Mais si que é verdade que, como dis, atopa un reforzo da súa autoestima ao saberse considerada como obxecto de desexo sexual por parte dos homes. Os personaxes van avanzando ao longo da novela e é o lector, o lectora, quen ten que valorar como evolúen. (…)”