“Brooklyn non é máis importante que O Calvario”

Artigo en Atlántico Diario:
““Vigo é unha cidade aberta, cosmopolita, pero tamén cunha importante tradición, algo que é moi valorado por todo aquel que escriba; dende o punto de vista literario, Brooklyn non é máis importante que O Calvario, pese a que teña maior dimensión”. Fran Alonso (Vigo, 1963) abriu o debate, organizado na Feira do Libro. O director de Edicións Xerais convidou aos tres escritores, a opinar sobre esa hipotética relación entre a cidade e a literatura. Antes de sentar a falar entre eles, fixérono para Atlántico.
Ledicia Costas, Manuel Esteban e Pedro Feijoo comparten a súa profesión e a súa orixe (todos naceron en Vigo en 1979, 1975 e 1971, respectivamente). Asemade todos teñen obra que transcorre nas súa rúas. “Resúltame moi gratificante escribir sobre unha cidade que coñezo tan ben como Vigo”, afirma Ledicia Costas, Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2015. A súa última novela, Infamia (2019), está localizada en Beade, parroquia onde estudou a secundaria e o bacharelato. Aínda que a primeira vez que incorporou Vigo de xeito deliberado á súa narrativa foi con Jules Verne e a vida das mulleres planta” (2016): “Nese momento empecei a coñecer un Vigo extraordinario que me ensinou outras realidades fantásticas”, asegura a escritora, que ve no carácter híbrido da urbe un punto de exotismo moi atractivo. “Suma un casco vello moi rico e unha periferia con moitas historias”.
Manuel Esteban é autor de dous títulos, A ira dos mansos” e O meu nome é Ninguén, con tramas que suceden en Vigo: “Esta é unha cidade de fronteira, arraiana, pero tanto xeograficamente como dende o punto de vista emocional e social”. Sinala que o medramento rápido trouxo consigo historias e experiencias da nova xente: “Daquela había moito desarraigo e falla de identidade, algo moi interesante para un escritor; agora a situación xa cambiou, porque hai case máis nativos”.
Mais Esteban sinala este novo aspecto como una explicación do interese que desperta Vigo e a súa historia: “Xustifica en parte o éxito das novelas que falan da cidade, a xente quere historias que teñan que ver con Vigo; forma parte desa masa crítica que queren facer bandeira”.
Ao igual que Ledicia considera que os escritores tenden a coller como referentes as realidades máis achegadas: “Aínda que se procure a universalidade, non fai falla ir moi lonxe, hai moito sustracto en Vigo; cando eu quixen escribir sobre o Down tiña material de sobra, de primeira man”.
A popularidade de Pedro Feijoo chegou cunha historia que tiña moito desta cidade, Os fillos do Mar (2012) e repetiu con Os fillos do Lume (2017). O ano pasado publicou Camiñar o Vigo Vello, unha auténtica homenaxe ao barrio histórico. ¨Para el o carácter literario de Vigo explícase polo súa carga emotiva: “Eu escribo de Vigo porque é a cidade na que nacín e porque son neto do meu avó (o xornalista Manuel de la Fuente) e teño o becho dentro que me leva a transmitir a nosa historia, e se fose doutro lugar escribiría dese sitio”.
Para Feijoo, a boa acollida que están a ter as novelas ambientadas nesta cidade ten dúas posibles respostas: “Fronte ao discurso de que en Vigo non hai historia, amosouse o contrario; e por outro lado, entáblase un diálogo, onde antes faltaba unha das partes, a quen lle trasmitir, pero o relevo xeracional levou a que os vigueses xa sexan nacidos en Vigo e se interesen polo seu barrio, queren saber”.
Onte, Pedro Feijoo foi o último en incorporarse ao debate. Chegou de inaugurar os roteiros pola cidade, que como o ano anterior volveu completar as plazas ofertadas: “Nesta ocasión, cambiei o itinerario completamente; ao situar a Feira do Libro no comezo de Príncipe, tan lonxe do Casco Vello, facemos un percorrido por fóra das murallas, porque Vigo é moi amplio e a cidade está chea de curiosidades””