Artigo en Sermos Galiza:
“Desde 1955, no máis cru da invernía franquista, unha ameaza pairou sobre Navia de Suarna, a construción dun encoro. A obra non chegou a se materializar, aínda que si se puxeron en marcha algunhas infraestruturas preliminares, con consecuencias desastrosas para concello e comarca. Máis de seis décadas despois, un contra-ataque en forma de versos e música tórnase o mellor antídoto fronte ás agresións ao patrimonio natural. O I Encoro Poético Musical na Vila de Navia tivo lugar o domingo 11 de agosto, con diversas actividades, entre elas un tributo á poeta Marica Campo.
“Unha espada de Damocles pendurada sobre as nosas cabezas máis de medio século”. Eran os 50, 60, do pasado século. O desenvolvimentismo da ditadura levaba por diante poboacións e medio ambiente natural. Galiza ficou gravemente afectada pola febre franquista dos encoros. Esa espada de Damocles, que ía atinxir catro municipios, non se acabou de cravar no corazón do Navia, entre outras cousas pola oposición veciñal. Mais “as consecuencias foron tremendas”, relatou o escritor Toño Núñez na presentación do I Encoro Poético Musical Vila de Navia de Suarna. E pormenorizounas: “Falta de investimentos e de obras, atraso nas infraestruturas e servizos, despoboamento, emigración, decadencia, parálise colectiva”.
Fronte esa agresión érguese agora unha resposta en forma de versos e de música. “Os encoros anegan terras, patrimonio, cultura, experiencia, esperanza, recordos… e este encoro poético e musical quere tamén anegar; neste caso, quere anegar estas terras de Navia de Suarna de versos e de música, de amizade e de camaradaxe”.
E ben, hoxe a ameaza xa non é tanto o encoro —en maio de 2010 o Parlamento galego rexeitou por unanimidade a súa construción ao aprobar unha iniciativa do BNG— como o despoboamento xeralizado do rural na Galiza, moito máis acusado nas terras dos Ancares. “Se todo o rural está doente, a montaña boquexa sen remedio. E Navia de Suarna, vila e concello, están na UVI”, denunciou Toño Núñez.
Este I Encoro Poético, con vocación de continuidade, é a primeira das iniciativas da recén criada asociación cultural Irmandiños Naviegos Amigos do Castelo. A cultura contra a desaparición. Ese é o desafío. “Quero aproveitar a ocasión para facer un chamamento a toda a veciñanza que teña unha faragulliña de sensibilidade cara á nosa cultura, cara ao noso patrimonio”, dixo o poeta e tamén narrador, autor de Navia, nai (2006).
A asociación ten entre os seus obxectivos “recuperar para o pobo” unha das xoias da comarca, o castelo de Navia, fortaleza construída no século XI e derruída en 1467, para logo ser reconstruída, durante a revolución irmandiña. “Pobre castelo! Habémolo permitir? Habemos permitir que o noso castelo morra de desleixo?”, perguntouse Toño Núñez, quen ve no monumento a sede ideal para “a nosa Casa do Concello”.
Xa está posto en andamento pois este encontro poético e musical “onde encoran as verbas nunha festa de irmandade” e cuxo primeiro tributo foi para Marica Campo, unha das escritoras do país que mellor ten cantado a terra da que estamos feitos.”