Daniel Asorey: “Ningún dereito conquistado está garantido para sempre e a vaga ultraconservadora actual vai decididamente contra as mulleres”

Entrevista de Montse Dopico a Daniel Asorey en Praza:
“(…) – Praza (P): As mulleres da fin do mundo e Transmatria apelan, no fondo, ao mesmo: unha (trans)matria sen discriminacións nin violencias de xénero (nin binarismos obrigatorios). Foron escritos os dous libros máis ou menos ao mesmo tempo? En que sentido forman parte dun mesmo proxecto?
– Daniel Asorey (DA): Na verdade, a novela As mulleres da fin do mundo é un proxecto que comezou moito antes, aínda que ambas as dúas obras, novela e poemario, concluíron nun momento semellante no 2018. A novela levoume nove anos, pois comecei a escribila no 2010, ante determinadas cousas que estaban a acontecer, que acababan de acontecer ou que sabiamos que viñan de acontecer. Estou pensando por exemplo en wikileaks, que ese ano adquiriu repercusión mundial ao desvelar certos crimes de guerra dos EUA.
Alén diso, a crise económica incendiaba o mundo e semellaba que en calquera momento puidesen esmorecer certas cousas que ata entón se nos dicían eternas, lembremos a posible caída do euro ou frases que se atribuíron a Ben Bernanke, daquela presidente da Reserva Federal, nas que afirmaba que no 2008, coa caída de Lehman Brothers, o mundo estivera piques do inferno, facendo súa tamén aqueloutra frase allea de que “un capitalismo sen quebras é como unha cristiandade sen inferno”.
E iso fíxome reflexionar e decidir escribir unha novela coral sobre ese mundo en decadencia, sobre ese precipicio. Sobre a que talvez fose a quebra final do capitalismo. Alén diso, é verdade que nas dúas obras se soña cunha utopía, cun lugar onde se varran as discriminacións de xénero. Tamén se fala das fronteiras e se focaliza a atención en determinadas minorías sexuais ou étnicas.
En certa maneira, eu creo que ás veces certas escritoras ou escritores temos determinados temas sobre os que escribimos, talvez mesmo escribamos a mesma obra durante toda unha vida. E, neste caso, Transmatria e As mulleres da fin do mundo comparten temas e posúen puntos de vista semellantes, independentemente de seren dous xéneros literarios distintos. Para aclaralo, Transmatria foi escrita coma un berro tras a aparición do autobús transfóbico de HazteOír e as mortes que non cesan no Mediterráneo. (…)
– P: Transmatria e As mulleres da fin do mundo permiten albiscar un final “feliz”, malia ser finais abertos. Nordeste era máis pesimista…
– DA: Non imos desvelar os finais das obras. Eu son pesimista porque creo naquilo tan repetido de que un pesimista é un optimista ben informado. Talvez hai unha diferenza entre esas obras, en Nordeste pretendía fabular sobre unha República Galega nacida da Revolta Irmandiña e enfrontar ao lector coas súas posibles contradicións. En As mulleres da fin do mundo e en Transmatria, o proceso é inverso, presento esa realidade que un crítico cualificou como distopía inminente e decido chamar á revolta. Seguramente son demasiado inxenuo, pero escribir tamén é soñar.”