A AELG promove a literatura galega en Colombia

A Feria Internacional del Libro de Pereira-Eje Cafetero é unha iniciativa de varias institucións culturais e empresariais do Departamento de Caldas, en Colombia, á que foi convidado Cesáreo Sánchez Iglesias en calidade de presidente da AELG, quen desenvolverá un programa de actividades destinado a difundir a literatura galega.
A súa presenza permitirá definir conxuntamente con axentes culturais colombianos estratexias para facilitar o coñecemento da nosa literatura entre o alumnado dos diversos niveis educativos de dese Departamento, ao tempo que participará en diversos actos enfocados á difusión da nosa literatura no marco da Feira do Libro.
Nos últimos anos, o territorio de Caldas iniciou con Galicia uns vínculos activos en materia cultural, afianzados pola irmandade entre o Concello de Caldas de Reis e o municipio de Villamaría, no propio Departamento de Caldas, que ten ese nome en honor á figura de Francisco José de Caldas (1768-1816), científico ilustrado autodidacta e polifacético, nomeado hai tres anos Fillo Adoptivo do Concello de Caldas de Reis por ser o seu orixinario da vila galega.
Trátase dunha figura fundamental no desenvolvemento científico do estado americano e tamén é un prócer da independencia de Colombia en 1819 por ter sido executado uns anos antes, na “reconquista” dese territorio polo exército español. É unha personaxe moi querida en Colombia, e por iso é coñecido como o “Sabio Caldas”. Licenciado en Dereito, foi botánico, astrónomo, físico, xeógrafo, cartógrafo, enxeñeiro militar e editor dunha revista de divulgación científica, o Semanario del Nuevo Reino de Granada. En Ecuador estudou case 5.000 plantas, levantou planos de moitos territorios e dirixiu o primeiro Observatorio Astronómico de América, o de Santa Fe de Bogotá. O seu traballo como editor, aínda que breve, tamén foi moi destacábel.