A AELG manifesta o seu profundo pesar polo pasamento de Manuel Álvarez Torneiro, quen nos deixa na súa poesía un excepcional traballo formal ao servizo da reflexión humanística, no sentido máis amplo, coa utopía sempre no albo.
A Asemblea xeral de Socias e Socios da AELG nomeouno Socio de Honra en 2011, canda a Víctor Campio Pereira González, uníndose así á listaxe conformada por Jenaro Marinhas del Valle, Rafael Dieste, Ricardo Carvalho Calero, Ánxel Fole, Francisco Fernández del Riego, Xosé Ramón Fernández-Oxea ‘Ben-Cho-Shey’, Álvaro Cunqueiro e Celestino Fernández de la Vega.
Os ángulos da brasa foi Premio da AELG á mellor obra de poesía do ano 2012, poemario que tamén sería recoñecido co Premio Nacional de Poesía do Ministerio de Educación e Cultura e o Premio da Crítica Española en 2013.
O seu corpo está sendo velado na Sala 1 do Tanatorio Servisa da Coruña. Mañá xoves, 10 de outubro, será incinerado ás 11:00.