Desde Sermos Galiza (foto: Fundación Xosé Neira Vilas):
“O escritor ribeirense Antonio Piñeiro resultou gañador do IV Premio Xosé Neira Vilas de Novela Curta con Esca, un relato “tenebroso” e con elementos simbólicos ambientado na ría de Arousa dos anos 20, concretamente no Balneario da Toxa.
Así o decidiu por unanimidade na súa reunión deste xoves o xurado deste galardón, composto por Rosalía Morlán, Pilar Sampedro, Juan Andrés Fernández e Fernando Redondo, membros do padroado da Fundación Xosé Neira Vilas, así como polo crítico literario e profesor Armando Requeixo.
Segundo narrou Juan Andrés Fernández, de entre todas as obras presentadas, o xurado decidiu conceder o premio este ano á presentada por Antonio Piñeiro, da que destacou a súa “calidade literaria”, o “uso do vocabulario” ou a “posta en escena” da trama, ambientada nos anos 20.
Esca está ambientada no balneario da Illa de Arousa e ten como protagonista a un “vello burgués retirado”. “Ao seu ao redor viven unha serie de personaxes secundarios que van entrando e saíndo da novela dunha forma un tanto nebulosa”, destacou Juan Andrés Fernández.
Na trama conviven personaxes adultos e infantís cun “asunto tenebroso” e “elementos simbólicos” que se desenvolven nunha atmosfera de tensión crecente e que conflúen nun “brillantísimo final”, que permite ao lector comprender “gran parte da novela”.
Aínda que a calidade das 13 obras presentadas este ano levou ao xurado a ter que debater durante máis de dúas horas a decisión, finalmente foi esta “calidade literaria”, unida á súa riqueza léxica e ao impactante final, o que motivou a súa elección.”