Desde a Agrupación Ío:
“A Unión Astronómica Internacional (IAU, polas siglas en inglés) foi fundada hai un século, en 1919. Para celebrar o seu centenario, a IAU organizou a campaña mundial NameExoWorlds, que permite que cada país do mundo lle poña nome a unha estrela cun exoplaneta asociado.
HD 149143 é a estrela asignada a España. É unha anana amarela parecida ao noso Sol situada a 240 anos luz de nós, na constelación de Ofiúco, o Serpentario. A súa magnitude relativa é 7,89, o cal a converte nun obxecto visíbel con prismáticos en ceos escuros. O exoplaneta HD 149143 b foi descuberto en 2005. É un xigante gasoso un pouco maior que Xúpiter que orbita a oito millóns de quilómetros da súa estrela: tarda só 4,1 días en dar unha volta completa arredor dela.
A Agrupación Astronómica Coruñesa Ío propuxo nesta campaña o nome de Rosalía de Castro para a estrela HD 149143, e o de Río Sar para o seu exoplaneta HD 149143 b. En caso de que se descubran máis exoplanetas neste astro, a nosa proposta inclúe outros topónimos asociados á vida e obra de Rosalía: Laíño, Lestrobe, Bastavales, Conxo ou Iria.”
Podes votar aquí.