Entrevista de Claudia Varela Lourido a Estíbaliz Espinosa en Xornal da Coruña:
“(…) – Xornal da Coruña (XC): egundo a túa perspectiva, que ten unha eclipse que leva fascinando á humanidade desde hai milleiros de anos?
– Estíbaliz Espinosa (EE): Unha eclipse, hoxe, é un mecanismo celeste que nos lembra que non todo o que vemos é o que parece. Fascina porque, segundo a perspectiva que tomemos, varía o que acontece: nós vemos unha superposición aquí, pero no resto do mundo será un solpor normal de mércores. E desde certo lugar do espazo veriamos tres corpos aliñados, Sol, Lúa e Terra (unha sicixia). Hai milleiros de anos non é que fosen máis parvos: xa sabían que as eclipses eran cousa da Lúa e o Sol. Convidada nunha charla no Planetario, o director dos Museos científicos coruñeses, Marcos Pérez, lanzaba unha gran cuestión: como é que, sabéndoo de sobra, se entregaban igual ao mito e ao rito? Non sei se a resposta é esa idea de que sen un relato, sen unha ficción que nos confira sentido, dá igual saber a verdade. O relato que nos contamos a nós mesmos impórtanos moito. (…)
– XC: Hai algún texto ou composición que che veña á cabeza cando pensas nunha eclipse?
– EE: Levo meses lendo e escribindo sobre eclipses, abofé que moitas! Acabo de rematar un Observatorio de ideas e textos de literatura e astronomía en Compostela, e vimos desde Arquíloco de Paros a Annie Dillard ou Deborah García Bello. Levo anos traballando esa trenza cósmica de poesía que mira ao ceo, así que ando con textos e merlos na cabeza: os de Dickinson, Cunqueiro, Billy Collins, os da antiga China… e cancións como a morna Eclipse ou Black Hole Sun, de Soundgarden (que non fala de eclipse ningunha). Pero nas dúas horas de parcialidade e no minuto de totalidade, só quero mirar o mundo como cando nena. Sereino. Estarei cos meus, e terei na cabeza, máis que poemas, o tacto das mans dos que se me foron antes e aínda evoco acotío. Que me gustaría vivilo con eles, contárllelo. Na cabeza só teño o gran poema do espazotempo. Os poemas dobran e furan as páxinas como buracos de verme, comunican esta eclipse de hoxe con aquel adxectivo dunha tarde de hai anos, con eles.
– XC: Cres que a eclipse vai potenciar que a xente reconecte coa natureza?
– EE: Faime graza a expresión reconectar coa natureza. Xa nos pensamos como cyborgs, sempre conectados a algo, ou ben o móbil, ou ben textos biónicos ou ben a Natureza… pero sempre con cables soltos, non? Somos parte da Natureza e estamos conectados a ela, nese sentido, o que a ela lle facemos sempre nolo facemos a nós. Supoño que a reconsideración romántica (ollo, romántica de Romanticismo europeo, non do sentido romántico popular) ou nostálxica da Natureza sempre está aí, porque no fondo nunca desconectamos de todo. Non é tanto unha reconexión como ver que vivimos á intemperie nun “pelouro que roda”, que diría Rosalía (a nosa). (…)”
Arquivo da categoría: Ciencia
Compostela: última sesión do Observatorio de Ideas e Textos sobre Astronomía, guiado por Estíbaliz Espinosa
O sábado 1 de agosto, desde as 12:30 horas, na Libraría Pedreira (Rúa do Home Santo, 55), en Santiago de Compostela, terá lugar a última sesión do Observatorio de Ideas e Textos sobre Astronomía, guiado por Estíbaliz Espinosa, nunha iniciativa da AELG que contou co apoio do Concello de Santiago de Compostela. No acto terá lugar a lectura de varios textos creados polas persoas participantes no Observatorio. Haberá acceso libre, até completar a capacidade do local, para quen queira estar entre o público.
Rianxo: actividades do 23 de xullo na Feira do Libro 2026
Padrón: Festival Abride a Fiestra 2026

O programa completo pode consultarse aquí.
Allariz: palestra Do pensamento de Vicente Risco á neurociencia: entender o cerebro e a identidade, por Sonia Villapol
Observatorio de ideas e textos de literatura e astronomía, con Estíbaliz Espinosa
O Observatorio de ideas e textos de literatura e astronomía, a cargo de Estíbaliz Espinosa, é unha iniciativa da Escola de Escritoræs da AELG, co apoio do Concello de Santiago de Compostela.
– O Observatorio de ideas e textos de ltieratura e astronomía (no ano da Eclipse total na Galiza) ofrece un espazo para mirar, ler en voz alta, escoitar música, debater, crear, preguntar e entender a mecánica celeste e a literatura.
– O fío condutor é a eclipse, desde os mitos solares, a historia da astronomía e da poesía cósmica, até a relación entre imaxinación científica e literatura.
Hai un intre en que o sol desaparece en pleno día. O ceo escurece, as estrelas case están por saír de súpeto, os paxaros calan. Dura uns brevísimos minutos. E nese silencio absoluto, a linguaxe humana -a ciencia, a poesía, a música- revela a súa orixe máis fonda: o asombro.
E na sombra que nos asombra sempre, non somos neste lugar do mundo, as galegas e galegos, un pouco fillas rosalianas do asombro?
O Observatorio de Ideas e Textos de Literatura e Astronomía nace dese asombro compartido. No ano en que Galiza acolle unha eclipse total de sol -fenómeno que non se repetirá sobre este territorio en xeracións-, propoñemos un ciclo de
encontros que exploren a fronteira entre dúas formas de mirar o universo: a científica e a poética. Dúas formas que, máis que opostas, son complementarias e, con frecuencia, inseparables e nas que levo investigando e creando varios anos.
Desde Safo de Lesbos e Hiparco de Nicea até Antonia Ferrín e Ramón María Aller, e desde o tapiz palindrómico de seda de Su Hui até Wisława Szymborska, desde as táboas babilónicas até os versos de Emily Dickinson, Rosalía ou Luísa Villalta (todo un triángulo de verán) os seres humanos non deixamos de alzar os ollos e de arredondar eses 360º en linguaxe lírica.
A astronomía, a máis antiga das ciencias, e a literatura, non a máis antiga das artes, nacen dun mesmo xesto primitivo: poñer nome ao que nos sobrecolle, ao que reborda de nós.
– Terá 8 sesións de 3 horas.
– Hai un total de 20 prazas para persoas maiores de 18 anos. A inscrición, gratuíta, farase mediante o envío dun correo electrónico a oficina@aelg.org indicando o nome, apelidos e o nome do obradoiro. Esta inscrición refírese ao conxunto das sesións, que terán carácter sucesivo. Agora mesmo están as prazas cubertas.
– O calendario de días, horas e emprazamentos é o seguinte:
En Zona C. Punto de Información Cultural (Rúa Preguntoiro, nº 1, Praza de Cervantes), en Santiago de Compostela.
– Sábado 13 de xuño, de 11:00 a 14:00
– Sábado 20 de xuño, de 11:00 a 14:00
– Mércores 8 de xullo, de 16:00 a 19:00
– Sábado 11 de xullo, de 11:00 a 14:00
– Mércores 15 de xullo, de 16:00 a 19:00
– Sábado 18 de xullo, de 11:00 a 14:00
No Observatorio Astronómico Ramón María Aller (Avenida das Ciencias. Campus Vida), en Santiago.
– Mércores 22 de xullo de 19:30 a 22:30
Na Libraría Pedreira (Rúa do Home Santo, 55, baixo), en Santiago.
– Sábado 1 de agosto de 11:00 a 14:00
Información sobre protección de datos
A/O responsábel do tratamento é a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. A finalidade do tratamento é a prestación do servizo que se detalla na solicitude ou actividade organizada. A base legal do tratamento é o cumprimento dunha obriga contractual na prestación dun servizo. Os seus datos conservaranse unicamente durante os prazos de prescrición legalmente aplicábeis. Pódense comunicar os seus datos a terceiras/os organizadoras/es ou colaboradoras/es da actividade. No caso de solicitar certificado de asistencia, os seus datos comunicaranse ao/á impartidor/a da actividade. Pode acceder, rectificar, suprimir os seus datos e nos casos determinados opoñerse ao tratamento, limitar o seu uso ou portar a outra/o responsábel. Tamén pode solicitar a tutela da Axencia Española de Protección de Datos ou presentar unha reclamación ante a mesma.
































