Paseo pola Coruña Literaria Outono 2019, con Tito Pérez, o 9 de novembro

Os Paseos pola Coruña Literaria Outono 2019 son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña.
Estes Paseos constitúen unha iniciativa para coñecermos unha cidade diferente da man de diferentes autoras e autores. Todos eles serán ás 12:00 h. e terán unha duración aproximada de hora e media.

Están destinados a persoas maiores de 16 anos e son gratuítos. É necesaria a inscrición, pois están limitados a 55 prazas.
A inscrición pódese facer en Normalización Lingüística, no Centro Ágora, chamando ao 981 184 200 ext. 34322 (a partir das 9:00 h, en calquera dos casos) e no correo lingua@coruna.es, nas datas sinaladas na información sobre cada un dos paseos. O programa previsto é o seguinte:

Sábado 9 de novembro: Tito Pérez. Un paseo polo barrio. Inscrición desde o 28 de outubro.
Seguiremos o percorrido do protagonista de O latexar do barrio e comprobaremos in situ as súas diversas realidades e contrastes. Pasaremos polo lugar onde o enterro dun poeta congregou hai 111 anos a 40.000 persoas. E, como non podía ser doutro xeito, remataremos no mesmiño centro neurálxico do barrio dos barrios galegos.

Sábado 16 de novembro: María Casar. Sobre o espello do mar e do vento, arredor de Luísa Villalta. Inscrición desde o 4 de novembro.
Roteiro sobre a poeta e os espazos da cidade da Coruña que poetizou nos seus libros En Concreto e Papagaio. Un camiñar pola paisaxe urbana que sae dos versos e sinala o territorio como xerme da creación. A poeta re-constrúe a Cidade como lugar mítico, como espazo de vida e de historia, na que a música enche os baleiros.

Sábado 30 de novembro: Antonio Sandoval. As naturezas da Torre. Inscrición desde o 18 de novembro.
Percorreremos os campos que rodean a Torre de Hércules para coñecer a súa rica biodiversidade, que motivou a súa declaración como Espazo Natural de Interese Local. Tamén charlaremos acerca dalgunhas das súas lendas e, en particular, sobre un poema moi especial, así como sobre a literatura de natureza, un xénero en auxe e cada vez máis necesario. Ademais escoitaremos o vento, o mar e uns cantos paxaros!