Falece aos 34 anos o xornalista e escritor Pablo López Orosa

Desde Sermos Galiza:
“Pablo López Orosa, natural de Oza Cesuras, faleceu aos 34 anos no Hospital Clínico Universitario da Coruña (CHUAC), segundo confirmaron fontes do seu contorno; onde permanecía ingresado após unha viaxe a Mozambique da que se resentiu aos poucos días de regresar.
López Orosa dedicou boa parte da súa carreira xornalística á cobertura de conflitos internacionais como profesional independente. En 2013 iniciou un percorrido que o levou a Oriente Medio, ao este de África, ao sueste asiático e a Centroamérica.
Contou para diferentes medios de comunicación a posguerra iraquí e o conflito kurdo, o xenocidio da minoría rohingya en Birmania e a desaparición de linguas milenarias.
Pablo López Orosa foi galardoado co premio de xornalismo solidario Memorial Joan Gomis pola reportaxe La tregua de los zapatos. É o autor da novela Fálame do silencio (Xerais) e o fundador da revista Achtung!