Serra de Outes: última parada do ano para os #camiños de ButacaZero

“O vindeiro sábado 30 de novembro, ás 20h, chega ao Auditorio da Casa da Cultura de Serra de Outes unha das pezas máis divertidas e sorprendentes da escena teatral galega: #camiños, de ButacaZero en coprodución co Centro Dramático Galego.
Quen somos os galegos e as galegas do século XXI? Como nos colocamos no mundo nós, que levamos sempre o móbil pegado á man e vivimos nun mundo globalizado? Que queda dos e das nosas devanceiras dentro da nosa sociedade? Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira son os creadores desta peza que nos leva de camiño a nós mesmos, ao que somos e ao que desexamos ser, ao que fomos un día e ao que un día, podemos chegar a ser.
Para tecer este mapa botaron man de todos os rexistros escénicos necesarios: coreografías, teatro físico, bufón, música, playback, pasarela, audiovisuais. Unha peza imbuída por un espírito millenial, que, ao igual que as redes sociais nas que adoitamos gastar o noso tempo, é un collage ecléctico que tenta explicar o noso mundo. Un aluvión escénico que pretende non deixar a ninguén indiferente. Unha festa teatral na que celebrármonos pero tamén, reflexionármonos.
Tanta festa se xuntará no que estarán presentes As churrascas, que levarán a escena aDiosRíos_aDiosFontes, o título do seu primeiro “hit” de música electrónica cos versos de Rosalía de Castro.”