Desde Fervenzas Literarias:
“Lois Alcayde Dans é o gañador do XX Premio de Poesía Díaz Jácome para novos creadores. O traballo presentado polo gañador ten por título Anoar.
O segundo premio recaeu na obra Unha luz de eclipse da que é autor Aleixandre Lago Barcala. Pola súa banda, Isolda Comesaña Alcaraz, acadou o terceiro premio coa obra Son da estirpe de Luperca.
O Certame de poesía Díaz Jácome para novos creadores é un certame de poesía convocado polo Concello de Mondoñedo co patrocinio da Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo, co afán de estimular a creación poética entre a mocidade, que se vén realizando dende o ano 1999. De feito, ao certame só poden presentarse os menores de 30 anos. Este premio está adicado a Xosé Díaz Jácome, natural de Mondoñedo.
O coruñés Lois Alcayde Dans naceu no ano 1997. Escritor e xornalista, en 2016 gañou o I Premio Balbino de relatos polo libro Camiños na sombra (Fervenza). Colabora nas revistas O Salto, Luzes e no xornal Sermos Galiza. Membro do consello editorial da revista Ligeia, coordina a súa sección de Xornalismo. Este mesmo ano publicou en Galaxia o libro de relatos Os jeans de María.
A entrega do Premio tivo lugar o domingo 1 de decembro segundo o seguinte programa:
– 11:15 h. Recepción oficial na Casa do Concello.
– 11:30 h. Presentación antoloxía Versos Fideis (libro no que se recollen os versos premiados no Certame de Poesía Díaz Jácome para novos creadores).
– 12:30 h. Entrega de Premios do XX Certame de Poesía Díaz Jácome no Salón de Plenos do Concello.”