A Estrada: acto de homenaxe no 50º cabodano de Virxinia Pereira

“Con motivo do 50 cabodano de Virxinia Pereira, a Asociación Cultural “Vagalumes” vai lembrar esta muller estradense que pagou co exilio e o espolio dos seus bens o seu compromiso coa causa do nacionalismo galego e a defensa da democracia. Como compañeira de Castelao percorreu o mundo desde Moscova até Nova York, de Cuba a Arxentina, na guerra e no desterro, leal aos ideais da defensa do dereitos de Galiza e das liberdades.
Por todo isto, o luns 23, data do aniversario da súa defunción, temos previsto facer unha homenaxe diante da súa tumba no cemiterio da Estrada ás 17:00 h. e, posteriormente, ás 20:30 h., na sala de exposicións do MOME, un acto de lembranza para dar a coñecer a vida e pensamento desta muller. O acto consistirá nunha intervención escénica baseada nunha entrevista a Virxinia que rescatamos do xornal El Progreso de Lugo do ano 1968. Tamén intervirá no acto a profesora da Universidade de Vigo Ana Acuña, que vén de publicar un traballo de análise da correspondencia de Virxinia; e Xoán Carlos Garrido, quen falará sobre a relación de Virxinia co noso Concello.”