Lectura de Alba de Gloria no Pico Sacro, 2021

“A Federación Galiza Cultura (FGC), comunica que, de novo e como sempre, organizado pola A. C. O Galo de Santiago e a A. C. Vagalumes da Estrada, realiza ese acto que, sen interrupcións, se leva a cabo desde 2011. Ese ano conmemoramos o 125 aniversario de Castelao, quen acudiu persoalmente até o Pico Sacro no 1924 e, xa refuxiado en Arxentina, simbolicamente volveu a el cando escribiu o Alba de Gloria. A foto do cartaz deste 2021 é (coloreada) a que tiraron como lembranza Castelao e o grupo de amigos que peregrinaron ao Pico Sacro en 1924.
Como desde hai unha década e sempre o sábado antes do Dia da Patria Galega, subiremos de outra vez ás 12 h ao sagrado Mons Illicinus, o sábado 24 de xullo de 2021 para ler no seu cumio ese precioso texto. Porén a celebración do décimo aniversario da subida e lectura do Alba de Gloria, pospoñémola para tempos mellores.
Gardaremos todas as normas que se requiren para acabar co Covid-19.

2021: Programa

12:00 h. Concentración na explanada do aparcadoiro. E desde alí comezaremos a subir o último tramo do monte até chegar a capela.
Na capela, o historiador Héitor Picallo lerá o texto que el escribiu para este acto e cando o remate seguiremos até o curuto.
Izaremos a nosa bandeira na rocha que coroa o Pico Sacro, alí leremos o Alba de Gloria, cantaremos o himno e logo baixaremos até o camiño que conduce as covas.
Xantar-convivio nas táboas das insuas que forma o rio Ulla ao seu paso por Gres (Vila de Cruces).
Para asistir, por razóns de seguridade sanitaria, compre comunicalo ao correo da Federación Galiza Cultura (federacion@galizacultura.gal) ou da A. C. O Galo (comunicacion@ogalo.gal) poñendo o nome e o teléfono dos asistentes.”

Vagalumes e A Banda da Loba, galardoados cos premios San Martiño de Normalización Lingüística

Desde La Voz de Galicia:
“O padroado dos premios San Martiño de Normalización Lingüística vén de resolver por maioría a concesión dos recoñecementos correspondentes á edición deste ano á Asociación Cultural Vagalumes e á agrupación musical A Banda da Loba. O colectivo Vagalumes acadou o premio San Martiño á difusión da lingua galega na comarca de Tabeirós-Terra de Montes. A concesión baséase no longo percorrido da asociación no desenvolvemento e fomento da lingua galega. Desde o ano 2009 ata a actualidade a asociación ten promovido conferencias, coloquios, mesas redondas, proxeccións audiovisuais, ciclos de teatro, publicacións e homenaxes en prol da normalización, defensa e difusión do galego. A derradeira homenaxe tivo lugar hai poucas semanas, co gallo da conmemoración do centenario do xornal El Emigrado (1920-2020).
Pola súa parte, A Banda da Loba é recoñecida co premio San Martiño á difusión lingüística no ámbito galego. A Banda da Loba, que ten entre as súas integrantes dúas estradenses -as irmás Andrea e Marcela Porto-, é unha das voces máis frescas e renovadoras do panorama musical galego. A banda ten publicados dous traballos discográficos: Bailando as rúas (2017) e A fábrica da luz (2019). Caracterizada no aspecto creativo polo eclecticismo, aunando a tradición con ritmos como o pop, o reggae ou o ska, a súa identidade como banda aséntase nunha defensa firme da muller, a terra e a lingua. Neste senso, a banda ten musicado poemas de autores coma Celso Emilio Ferreiro, Manuel María ou Rosalía de Castro.
O padroado decidiu deixar este ano deserto o premio San Martiño a toda unha vida de dedicación á normalización lingüística. Ademáis, debido a motivos de protocolo sanitario, os premios da presente edición non se entregarán nun acto público, como viña sendo habitual nos últimos anos, senón no transcurso dunha rolda de prensa no Teatro Principal que terá lugar o día 13 de novembro.”

A. C. Vagalumes: proposta de lectura da obra de Ricardo Carvalho Calero

Desde a A. C. Vagalumes:
“A Asociación Cultural “Vagalumes” convoca a celebrar o día das letras galegas mesmo nas condicións que estamos a sufrir. A emerxencia sanitaria impide o desenvolvemento da nosa cultura en liberdade ao mesmo tempo que as políticas do actual goberno galego de exclusión da nosa lingua e de desprezo pola nosa cultura está tamén a limitar o florecemento de todas as expresións do noso idioma.
Por iso, é máis necesario que nunca seguir a conmemorar as nosas manifestacións literarias. Non podemos deixar pasar a dedicación a Carvalho Calero das letras galegas deste ano sen o seu debido recoñecemento. Sobre todo despois de décadas do seu inxusto relegamento.
Para iso desde a Asociación Cultural “Vagalumes” facemos un chamamento a que cadaquén amose a súa lectura de Carvalho Calero. Ben da súa obra, ben da súa opinión sobre a súa vida e o seu labor investigador, etc…
Para iso convidámoste a que compartas un vídeo con nós até o 17 de maio para difundir nas redes enviando ao noso enderezo: a.c.vagalumes@tabeirosmontes.com
Achegamos textos de Ricardo Carvalho Calero por se alguén quixera escoller algún destes treitos para o cal pediríamos que previamente nos fose comunicado para así mellor evitar reiteracións.”

A Estrada: IV Mostra de Teatro Escolar Olimpio Arca Caldas

“Reivindicar a historia de noso desde o Pico Sagro”

Desde Sermos Galiza (foto de David Otero):
“O 19 de xullo de 1924, durante a ditadura de Primo de Rivera, Castelao, acompañado doutros membros das Irmandades da Fala, ascendía ao Pico Sagro, fonte de numerosas lendas e contos populares, para regresar, simbolicamente, cando, exiliado en Bos Aires, escribiu o necesario discurso Alba de Gloria.
Desde 2011, a Federación Galiza Cultura e as asociacións culturais O Galo, de Compostela, e Vagalumes, da Estrada, organizan unha subida ao Pico Sagro para resgatar o espírito daquel ascenso. Nesta ocasión, foi a escritora Marta Dacosta quen pronunciou a intervención principal, de marcado carácter poético, na aba do monte, “obxecto de culto do pobo que por dereito habitaba estas terras antes da primeira colonización coñecida e da cristianización forzosa que quixo ocultar a súa existencia”, lembrou.
Desde o “altar da terra nai”, salientou, parafraseando a Castelao, aludiu a “aqueles homes” que “estaban pescudando a terra que alimenta as nosas raíces, facéndose fortes nelas”. Algo, engadiu, que “nós debemos manter e seguir a practicar: coñecer e sentir orgullo do que somos”.
Nesta liña, Marta Dacosta insistiu na necesidade de sacar á luz e visibilizar “as abas da nosa historia como realmente foron, para así sabermos se acadamos o cume ou aínda temos que percorrer un traxecto necesario e convocar o noso pobo para que comprobe de que elementos estamos feitos. E se, coma este monte, estamos feitos de cuarzo, somos duros e transparentes, como Castelao foi”.
A escritora reivindicou a imaxinación como un elemento imprescindíbel para recoñecérmonos. Precisamente, Castelao advertía no Alba de Gloria ese “evocar algo irreal, algo puramente imaxinario, que co seu simbolismo nos deixe ver o pasado para proveito do futuro”. “A imaxinación é hoxe o fío co que cosemos os anacos de nós que imos recuperando”, afirmou, para se debruzar, a continuación, por Lupa.
“Os silencios que se estenden entre os retallos que nacen abeirados aos topónimos que gardan a súa memoria, poñen en marcha a engrenaxe que acaba por se traducir en palabra poética, versos que non esquecen a imaxe da escultura que retratou o seu somentemento á igrexa, case a única imaxe que chega a nós”, pronunciou Dacosta, que advertiu que a historia de Lupa “foi sempre utilizada como elemento negativo na construción do relato da vinculación do apóstolo Santiago con Compostela”. “Retallos á sombra da historia que outros nos dixeron real: a xangada de pedra portadora de ósos sagrados na loita pola construción dun pasado cristián que dese poder e riqueza ás terras recuperadas. Un relato que se repite en diferentes latitudes e que, se o lemos ben, fala de loitas de poder. Lendas de poder que aínda hoxe prevalecen e nos impoñen unha forma de mirar á historia”, agregou a escritora.
Nesa denuncia pola manipulación e ocultación da historia galega, Marta Dacosta tirou de Carvalho Calero, quen nunha entrevista publicada en A Nosa Terra, sinalaba, “mentres non decidamos suicidarnos como pobo temos que confiar na posibilidade de rectificar a historia e a historia, por suposto, ten que ser rectificada”. E esa rectificación da historia levou máis dun cento de persoas a ascender na mañá do sábado ao Pico Sagro.
A intervención de Dacosta insistiu no puramente imaxinario como “como cemento necesario para edificar a casa de noso”. “Nese lugar creamos, ás veces, as poetas, procurando construír a rede que nos sosteña, o cobertor que nos abrigue”.
“Como galega, é dicir, muller nacida nesta terra, consciente da miña identidade, da miña clase e de que esta sociedade precisa ser transformada, poño ao dispor de cantos me acompañades o pouco que sei facer, enfiar palabras coas que nomear a emoción. Con esa vontade, deixeime levar un día polo galopar das eguas entre a néboa e corporeicei a raíña pagá que foi sepultada baixa as palabras oficiais, para que das súas cinzas nacese a nosa vida. É o meu particular xeito de “ver o pasado para proveito do futuro”, concluíu a escritora.
A xornada da mañá completouse coa lectura de poemas por parte do obradoiro de declamación da Asociación Veciñal e Cultural Agra do Orzán, da Coruña, co izado da bandeira, coa lectura de Alba de Gloria, da que tamén participou a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, da Coruña, e coa visita ás covas do Pico Sagro.
Após o xantar, amenizado polo grupo musical Maraxe, a poeta Iolanda Aldrei guiou as persoas participantes polo mosteiro de Camanzo, onde se conservan pinturas do século XVI. Após visitar o templo, realizarase unha visita guiada, a cargo do director do Museo da Minaría de Volframio, polo poboado mineiro de Fontao.”

Pico Sacro: Alba de Gloria 2019, o 20 de xullo, ás 12 h.

A Federación Galiza Cultura realiza este acto desde que no 2011 se conmemorou o 125 aniversario de Castelao, quen acudiu até o Pico Sacro no 1924 e, xa refuxiado en Arxentina, simbolicamente volveu a el cando escribiu en Bos Aires Alba de Gloria.
En 2019, e como sempre o sábado antes do Día da Patria Galega, subiremos ao Pico Sacro o 20 de xullo, ás 12:00 horas, para ler no seu cumio o discurso Alba de Gloria.

PROGRAMA
– 12:00 h. Concentración onde estaba a fonte do Pico Sacro. Recitado de poemas por parte do taller de declamación da AVC. Agra do Orzán da Coruña.
– 12:20 h. A escritora Marta Dacosta daranos a benvida. De seguido, subida do último treito do cumio do Pico Sacro desde a capela.
– 13:00 h. Izado da bandeira e lectura de Alba de Gloria. Baixada con parada nas covas da raíña Lupa, para visitalas baixo a guía da poeta Iolanda Aldrei.

Xantar e roteiro pola Ulla
A asociación cultural “O Galo” ej a A. C. Vagalumes organiza un roteiro pola Ulla. Para máis información: Xantar e roteiro.
Tarde: Xantar e roteiro pola Ulla
14:15 h. Xantar no restaurante “O Peixeiro”, situado en San Miguel de Castro. Na sobremesa actuará o grupo Maraxe.
16:30 h. Saída do restaurante e comezo do roteiro.
17:00 h. Visita guiada por Iolanda Aldrei ao pequeno mosteiro medieval de Camanzo, que, ademais, conserva no seu interior algunhas pinturas do s. XVI.
18:15 h. Visita guiada ao poboado mineiro de Fontao. As explicacións correrán a cargo do director do museo da minería do wolframio alí instalado, museo que tamén será visitado ao igual que o cine e a igrexa do poboado.