Entrevista de Montse Dopico a Antía Yáñez en Praza:
“Iolanda e a súa filla habitan un mundo hostil. Cruel, desigual, devorado por un poder que tenta amputar os afectos e converter os humanos en súbditos sempre dispostos á submisión. Mais hai algo que á cúpula que o domina todo –comandada por unha muller, nunha sociedade fondamente patriarcal- se lle escapa. Un xeito de rebeldía que, non sendo nun principio colectiva, permite albiscar a fin da alienación. Disto –entre outras cousas- vai a nova novela de Antía Yáñez, Be Water. Que é un dos títulos cos que está a darse a coñecer a nova editora Cuarto de Inverno. Falamos con Antía, e máis abaixo poderedes ler tamén unha entrevista con Andrea Jamardo, a creadora –xunto con David Cortizo- de Cuarto de Inverno. (…)
– Praza (P): A novela describe unha sociedade moi desigual en canto a relacións de poder entre clases sociais, ademais de fondamente patriarcal. E poñer o acento, ademais de na desigualdade de clase, na desigualdade de xénero, é quizais unha das achegas das autoras que optan pola novela distópica (xa o fixera Margaret Atwood, por exemplo). Quixeches que fose así, ou simplemente quixeches reflectir a realidade que ves?
– Antía Yáñez (AY): Eu son unha feminista-optimista. É certo que o patriarcado está a nos atacar moi forte hoxe en día, pero é que o século XXI vai supoñer -xa o está a supoñer- un cambio moi grande para a sociedade en todo o que ten que ver co papel da muller e as novas masculinidades. Cando vou polas escolas e institutos e escoito as novas xeracións, énchome de esperanza.
Pola contra, o que non vexo é que as diferenzas entre clases sociais diminúan; máis ben ao contrario. Cada vez sóannos máis palabras coma “aporofobia”, medo e rexeitamento á pobreza, e os ataques dos partidos da extrema dereita van sempre dirixidos a este sector da poboación. Pensei en como podería ser un mundo no que o “sálvese quen poida” fose moito máis extremo do que o é hoxe en día. O capitalismo responde en gran medida (se non é a súa natureza mesma) a estra premisa, e eu en Be Water quería explorar un futuro no que as cousas que estou a ver xa hoxe en día estivesen ao límite. (…)
– P: Canto á maneira en que está contada a historia, é unha estrutura bastante lineal, con algún flashback (como cando se conta a historia de Aquiles), cunha linguaxe directa e sinxela e con capítulos curtos. Tampouco é unha novela moi longa. Pensabas nun público xuvenil cando a escribiches? Como quixeches que resultase ao lector/a o estilo?
– AY: Nunca penso no público ao que dirixir a novela agás para unha cousa: o vocabulario. Se vai ser para rapaces menores de 12 ou 13, coido moito este aspecto, ou polo menos inténtoo. Explicar o mundo dos adultos e das adultas ás crianzas é un exercicio que require moito enxeño, e creo que cando alguén critica a LIX considerándoa “arte menor” é porque non pode ou non sabe conectar coa rapazada e por iso a menospreza.
Eu escribín Be Water sabendo que podía poñer, en canto a vocabulario, o que quixese (palabras malsoantes, castelanismos, anglicismos, expresións subidas de ton…) porque os seus potenciais lectores ían estar por enriba dos 13, pero non pensei en nada máis. No relativo á linguaxe sinxela, coido que sempre escribo así. Dá igual a quen vaia dirixido o libro porque é o meu estilo. De nena sempre odiei a adxectivación e as frases longas, así que agora que creo os meus mundos fágoos como a min me gustaría ler as novelas. (…)
Falamos con Andrea Jamardo sobre este novo proxecto editorial.
– P: David Cortizo e ti traballabades en Urco e nun momento decidides crear a vosa propia editorial. Por que? Cal é voso obxectivo?
– Andrea Jamardo (AJ): Decidimos crear Cuarto de Inverno para ter a liberdade de publicar os libros que a nós nos gustan sen dar explicacións, sendo libres de facer e desfacer ao noso xeito. O noso obxectivo é poder vivir da edición e desfrutar de cada un dos procesos que rodean o mundo do libro.
– P: Non é doado diferenciarse nun sistema editorial coma o galego, cun lectorado tan pequeno. Que distinguirá a vosa liña editorial da de outras editoras pequenas coma a vosa?
– AJ: Estamos aínda a construír a nosa personalidade como editorial pero os nosos libros teñen que falar por David e por min, publicaremos o que a nós nos guste e o que nós como lectores teriamos nos andeis das nosas casas.
Como dis, o sistema editorial galego é complexo, as persoas lectoras que escollen libros publicado no noso idioma é pequeno, mais intentamos sermos positivas en todo o que facemos, poñerlle ilusión e cremos na nosa capacidade de traballo. Do contrario, non iniciariamos este proxecto e, se en Galiza só un 4% da poboación lectora le libros en galego, temos que pensar que hai 96% que aínda pode facelo. A por eles! (…)”