Entrevista de Montse Dopico a Rebeca Baceiredo en Praza:
“(…) – Praza (P): Animais de estimação e bestas de companhia é, xunto con Na defensa dos animais (Axóuxere), de Óscar Horta, do pouco que pode lerse en galego (refírome a libros) relacionado co antiespecismo. Como xorde, en concreto, o teu libro?
– Rebeca Baceiredo (RB): Teresa Moure estaba dirixindo unha colección de ensaios de divulgación para a editora Através e propúxome escribir sobre antiespecismo. Díxome que debía facelo con toda liberdade e sen empregar citas, é dicir, sen facer proliferar as referencias bibliográficas que dan un aspecto máis academicista ao texto. Quizais eu xa lle falara de Otto, penso que sabía que son vexetariana dende adolescente e supoño que percibía unha certa sensibilidade e apertura cara as outras especies (e cara outros paradigmas), non sei. Ao final o libro non se publicou na colección de divulgación.
– P: Comeza o libro repasando a historia da dominación dos animais. Neste capítulo, relacionas a orixe da “civilización” coa domesticación dos animais, coa violencia que isto implica. De que xeito, tal como explicas, os animais pasan a ser considerados obxectos?
– RB: A domesticación de animais forma parte dun proceso polo que o ser humano intenta estabilizar as súas fontes de enerxía, refírome tanto á alimentación como ao emprego doutras especies –e da propia- como instrumento de produción. Precisamente, para asegurar a produción e incrementar a produtividade dos recursos, modifícanse eses seres, de maneira que están sendo considerados instrumentos, non fins en si mesmos, senón cunha finalidade externa, que é un mellor uso, un mellor aproveitamento da vida humana.
Ora ben, este proceso é parello ao inicio do exercicio da violencia sobre outros grupos sociais, ou polo menos unha sorte de violencia que empeza a tipificarse como fonte xurídica de determinadas realidades como a propiedade, por exemplo: así, os saqueos nunha confrontación bélica son lexítimos na antigüidade e tamén hoxe en día. Eses saqueos incluían, non só ‘res’, obxectos, bens móbiles e inmóbiles, senón tamén outros seres humanos, de distinto xénero e idades e para distintas funcións. En calquera caso, todo iso mostra estatus, é dicir, a capacidade de manter un nivel de vida que sitúa a algúns por riba dos demais e para o que, precisamente, usan aos demais.
Esas primeiras formas de civilización, que manteñen aínda formas matriliñais –pero que mudarán cara formas patriarcais porque o control da produción implica o control da reprodución-, comezan a asentar e a oficializar os seus modos culturais nas forzas reactivas, de adaptación, de loita. Cando nomeamos esas civilizacións non pensamos en algo que se opoña ao salvaxe, como considerará a Ilustración, senón que se vinculan ao Estado e a unha determinada relación coa natureza, pois asegurar o mantemento das necesidades nunha máquina social que só crece implica unha alta necesidade de produción e polo tanto de dominio, de extracción.
Esta combinación xera a distinción entre seres que son considerados fins en si mesmos e seres que son medios, instrumentos. Esta distinción ás veces é conxuntural -ser prisioneiro de guerra, por exemplo, ou adquirir demasiada débeda-, e vai devindo esencial, é dicir, comezan a producirse relatos, discursos, que lexitiman e estabilizan eses estados subalternos. O clásico “dominarás a Terra” dispón toda unha pirámide ontolóxica que sustenta unha pirámide social. (…)”