Rexina Vega: “A homoxeneidade, a norma, o camiño recto é unha entelequia; somos complexos e perversos. É a condición humana”

Entrevista de Montse Dopico a Rexina Vega en Praza:
“(…) – Praza (P): “Fóra do sagrado ninguén dorme. Aquí todos teñen que cargar coas súas culpas”, dise cara ao final do libro. Ninguén dorme é tamén un verso dun poema de Lorca. E unha frase de Macbeth: “Sleep no more”. Por que ninguén dorme na túa novela?
– Rexina Vega (RV): Cada vez que sentaba a escribir no ordenador tiña dúas bandas sonoras ‘Nessum dorma’, de Turandot e “Ciudad sin sueño” de Lagartija Nick e Enrique Morente, e púñaas unha vez e outra, de modo obsesivo. O texto de Lorca facíame entrar nese ton, entre alucinado e extraordinariamente desperto, consciente, que precisaba para contar esta historia. Porque quería falar do que no que non está ben, do que nos doe, do elefante no cuarto. Na faixa da versión en castelán, a miña amiga Valérie Tasso escribe:
Nadie duerme: Un “huis clos” en el que la puerta cerrada se revienta bajo el ariete literario de Xina Vega, una jaula que se abre, que se destripa, que se desparrama, que se desborda, que se eyacula y que se dispara sobre la condición humana. Un encuentro que nos recuerda que Macbeth (“Sleep no more”) siempre acaba de matar al rey y que el príncipe desconocido de Turandot (“Nessum dorma”) acaba de proscribir, para siempre, el dormir. Un sórdido pastel de carne que se nos corta en la boca, que nos quiebra los molares y que nos impedirá, esa noche, conciliar el sueño”.
– P: Por que foi publicado primeiro en castelán e logo en galego? (Supoño que houbo problemas para publicalo en galego).
– RV: Acabei o libro nos anos máis duros da crise económica. Nese tempo deuse unha contracción brutal de títulos publicados en todas as literaturas do Estado. Aquí, en Galicia, penso que o devalo foi aínda máis acusado. Nesa situación, a miña casa editora, que xa se comprometera en publicarme deixou pasar o tempo. Logo de dous anos de espera perdín a paciencia, fixen algún intento con outras editoras sen resultados e xurdiume a oportunidade de publicar en castelán con Pepitas de Calabaza, editora coa que estaba colaborando noutro proxecto.
O entusiasmo co que recibiron o meu texto traducido compensoume nun primeiro momento da frustración que sentía no sistema galego. Porén, eu non son unha escritora da literatura castelá, non teño ningunha intención de moverme, promocionarme ocupar espazo nese ámbito.
– P: Ninguén dorme ten un estilo moi coidado, que se achega á prosa poética por veces. Niso, hai un cambio desde Dark butterfly (que era outro tipo de libro, como un diario). Estiveches moito tempo traballando en Ninguén dorme? Pódese falar dunha “evolución “ do estilo ou, simplemente, son proxectos diferentes?
– RV: Non teño claro que, en canto a estilo, sexa moi diferente de Dark Butterfly, basicamente porque creo que unha autoría é unha mirada e unha música, dúas cousas que non podemos cambiar, como o timbre da voz. Con todo, o proxecto si que é distinto. Procuro sempre que o escribo me supoña un desafío. Na anterior novela probada cunha escrita fragmentaria co diario como fío condutor, en Ninguén dorme intento unha ‘nouvelle’ que vaia dacabalo entre a narrativa, o teatro e a lírica. (…)”