Entrevista de Irene Pin a Gonzalo Hermo en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Aínda que os poemarios parten dunha experiencia biográfica moi forte, a poesía tende a abstracción. No caso desta narrativa [Diario dun enterro], acontece ao contrario, todo parece moi identificábel. Dá vertixe espirse desa maneira?
– Gonzalo Hermo (GH): O certo é que non me sinto moi espido. Sei que se está lendo así e para min é marabilloso porque implica que o xogo autoficcional que propoñía funciona. Pero eu non me sinto nu porque non son Xacobe, é algo que teño moi claro. Agora ben, que se lea nesa clave dálle unha dimensión interesante á novela.
– ND: No final, perfílase a orixe do libro como que o Xacobe-autor vai escribir algo arredor da vivencia do enterro. Nunha entrevista, vostede dicía ser “un narrador frustrado”. Por que se decantou pola prosa?
– GH: Levo desde moi longo intentando escribir narrativa de maneira paralela á poesía. Contra o que moita xente propón arredor da inexistencia dos xéneros, eu creo neles e penso que ofrecen a posibilidade dunha comunicación literaria diferente (refírome á poesía e á prosa). Sempre os quixen aproveitar, o que acontece é que no caso da narrativa nunca encontrei o marco. Faltábame achar unhas coordenadas temporais e espaciais nas que situar os temas dos que quería falar. Se conseguín escribir esta novela foi porque as atopei: unha fin de semana, practicamente longa, e un enterro. Se non dese con ese marco, seguramente seguiría sendo só poeta. Esa é a chave.
– ND: O protagonista confesar ter escrito o seu último poemario por diñeiro, para presentalo a un premio. Hai tamén aí unha identificación persoal?
– GH: Non, nunca escribín un libro de poesía por cartos e paréceme un pouco iluso querer gañar diñeiro a través da poesía, por desgraza. O que se presenta aí é unha reivindicación, que parte do autor, de que o emprego literario e cultural ten que ter unha compensación económica, precisamente porque é un traballo. Ás veces parece que as persoas que nos dedicamos á cultura vivimos do aire e non é así. Penso que o modelo neste eido mudou nos últimos anos. A xente da miña xeración ten moi claro que quere ser profesional. Outra cousa é que as condicións do sistema nolo permitan.
– ND: Cal considera que é o sentimento principal que atravesa Diario dun enterro?
– GH: Penso que é unha certa estrañeza. O protagonista está moi marcado polo feito de vivir en dúas realidades que son moi diferentes. Ademais, hai unha certa sensación de estranxeiría en relación á familia, porque non acepta o rol que se lle asigna dentro dela. Isto concíliase, paradoxalmente, con certo sentido do humor ou necesidade de desdramatizar as situacións. (…)”