Entrevista de Montse Dopico a Paco Martín en Praza:
“(…) – Praza (P): Vostede foi mestre de 1961 a 2000. Fixo algúns dos primeiros libros de texto en galego. Publicou o primeiro libro de narrativa no 1971, antes da morte de Franco. E dirixiu Axóuxere, no xornal ‘La Región’, no 74-75. Como era entón publicar en galego? Por ese mesmo tempo houbo mestres represaliados por dar aulas en galego…
– Paco Martín (PM): En realidade esas cousas dependían un pouco de quen che tocara. Si que houbo mestres e mestras expedientados. Pero dependía moito das autoridades académicas que che correspondesen. Eu desde o ano 69/70 fun mestre en Bretoña. Usei o galego sempre e nunca tiven problemas. A xente, ademais, estaba encantada: aínda me saúdan cando me atopan pola rúa antigos alumnos.
Pero claro que naquel tempo podía suceder que tiveses problemas se alguén te denunciaba. Non foi o meu caso: nin tiven problemas a nivel de inspección, que era coñecedora da situación. Se cadra si que podía chegarche algunha indirecta, pero con non facer caso… Tampouco tiven problema cos primeiros libros de texto que fixen en galego. Vendéronse moito, de feito. Foi antes da oficialidade do galego, pero xa daquela comezaba a haber unha apertura… (…)
– P: Outra característica da súa literatura é a preocupación pola calidade lingüística, a lingua popular…
– PM: É que eu teño moitísimo respecto pola lingua porque teño moitísimo respecto pola xente. Nós vivimos en Lugo nun barrio das aforas, medio aldea. Nos anos da posguerra aos nenos falábannos en castelán, e eu estaba convencido de que había unha lingua para nenos, o castelán, e unha lingua para adultos, o galego, porque era o que falaban entre eles. Cando me fixen mestre estaba instalado no castelán. E cando cheguei por primeira vez a unha escola xa vin que alí non falaba castelán ninguén.
E entón pensei que estaba traizoando, primeiro, aos que me pagaban -aínda que fose unha miseria- e sobre todo a xente coa que estaba a traballar como mestre. A transformación veu xa a partir diso: comprendín que tiña que ser moi respectuoso co que fala a xente. E ademais hoxe temos un presidente da Xunta, e algúns conselleiros, -mesmo algúns nacionalistas, cos que me identifico-, que non teñen respecto polo idioma, polo que contribuirán a que desapareza. E eu non quero ter culpa diso, ou quero ter pouca, motivo polo cal tento escribir nun bo galego… (…)
– P: Cumpre 80 anos e leva publicando desde primeiros dos 70. Sente o seu traballo como escritor recoñecido? Digo porque moitas veces non pasa isto.
– PM: Pois hai cousas das que estou dándome conta agora. A verdade é que tampouco me preocupei moito nunca por iso… Eu tentei comportarme dignamente cos meus semellantes e creo que me levo ben coa xente. A maioría da xente quéreme ben e eu quérolles a eles, e estou satisfeito por iso. Manuel María dicía que cando vas vello véñenche coas exequias, pero si, eu si sinto que os meus libros foron recoñecidos. E detalles como que Antonio Reigosa saque un artigo falando dos meus 80 anos a verdade é que gustan. (…)”